A Televisión de Galicia elixe esta noite de Nadal o sucesor do cantante Juan Pardo

0
173

Santiago, 25.12.2022.-    Nesta noite de Nadal, a Televisión de Galicia asume a complicada tarefa de escoller o sucesor de Juan Pardo, unha das maiores figuras da música española, para o que contará coa participación de quen mellor o coñece: a súa propia filla, Lys Pardo, que formará parte do xurado. Os espectadores estarán así acompañados da música dun cantante que segue a estar moi presente.

Despois dun intenso casting desenvolvido durante os últimos meses polas catro provincias galegas, catro foron os elixidos que esta noite loitarán en ‘Juan Pardo. O sucesor’ (22.50 h) por facerse con este prezado título: Antonio Barros, José Ángel Albán, Iván Edrosa e Brais Sánchez, todos eles con experiencia en orquestras, en concursos televisivos ou en grupos musicais.

Durante o programa, que será presentado por Arturo Fernández, cada un dos aspirantes defenderá dous temas de Juan Pardo, un de xeito individual e outro a dúo, interpretacións en que os espectadores escoitarán tamén a voz do grande artista galego. No tramo final, só quedarán dous concursantes, que se baterán en duelo para conseguir ser nomeado como sucesor do cantante.

O xurado encargado de decidir quen é o gañador estará formado polos artistas Lys Pardo, filla de Juan; Shaila Dúrcal, filla de Junior, co que formou dúo durante algúns anos; o presentador da Galega Xosé Manuel Piñeiro, que coñece ben a Juan Pardo, e o cantante revelación do momento: Ortiga. Todos eles realizarán versións de cancións súas, como ‘Anduriña’, ‘Mi guitarra’ e ‘A fala e falade galego’, por exemplo.

Ademais, durante todo o programa, vai quedar moi patente o moito que a xente segue querendo en Galicia a Juan Pardo case 20 anos despois da súa retirada e como o artista foi capaz de superar as modas. E os espectadores poderán resolver esta noite unha grande incógnita: por que dixo adeus tan cedo ao mundo da música? Foi pola presión do escenario e a exposición mediática? Por recuperar o tempo perdido coa familia? Por dedicarse a outras facetas da arte? Despois de moitas conxecturas, ao final, Lys Pardo, botará luz sobre este misterio. Ademais, descubriranse detalles da súa vida persoal que engrandecen máis a lenda do artista.

Fuente Crtvg.es