A Televisión de Galicia ofrece este sábado en directo a gala dos XVIII Premios Mestre Mateo

0
4

Santiago, 04.03.2020.-    Desde o Pazo da ópera da Coruña, a TVG ofrece este sábado en directo, a partir das 22.00 h, a gala dos XVIII Premios Mestre Mateo, o grande evento da Academia Galega do Audiovisual, que recoñece os profesionais e os mellores traballos do ano. A actriz Patricia Vázquez será a anfitrioa dunha noite en que se fará un repaso ao mellor da produción galega do último ano, recoñecendo as mellores obras e profesionais candidatas en 25 categorías. A gala tamén se poderá seguir a través da páxina web da CRTVG

A Televisión de Galicia acudirá a esta gala cun total de 60 candidaturas e de 19 producións finalistas. Delas, ‘Quen a ferro mata’, ‘O que arde’ e ‘Eroski-Paraíso’, tres longametraxes que contan con participación ou colaboración da TVG, acaparan 15, 12 e 7 candidaturas, respectivamente. A serie ‘Hierro’, coproducida pola galega Portocabo, é o proxecto con máis propostas para os galardóns, cun total de 16.

A película ‘Longa noite’, tamén participada pola TVG, completa o cuarteto de producións finalistas a mellor longametraxe, categoría copada pola canle pública galega, ao igual que ocorre no caso de mellor programa de televisión (ao que son candidatos ‘Cos Pés na Terra’, ‘Land Rober Tunai Show’, ‘Malo Será!’ e ‘Segredos. Desmontando Galicia’), mellor comunicador/a de televisión (coas candidaturas de Lucía Regueiro por ‘Bamboleo’, Marta Doviro por ‘Malo Será!’, Neves Rodríguez por ‘Vin polo Vento’ e Rodrigo Vázquez por ‘Ti Verás’) e mellor realización, en que competirán tamén profesionais de espazos da Televisión de Galicia.

No apartado de mellor serie de televisión, son candidatas tres producións da TVG: ‘Os Mariachi’, ‘Serramoura’ e ‘A Estiba’, esta última cun total de seis propostas. Ademais, a ficción ‘Lobos e Cordeiros’ está proposta a mellor maquillaxe e peiteado e a mellor vestiario.

Nas categorías interpretativas, destacan as candidaturas, en producións da TVG, de Benedicta Sánchez, Cris Iglesias e Patricia de Lorenzo a mellor actriz protagonista; de Amador Arias, Luís Tosar e Miguel de Lira a mellor actor protagonista; de Desiré Pillado, María Vázquez e Paula Cereixo a mellor actriz de reparto e de Enric Auquer, Fran Lareu e Xan Cejudo a mellor actor de reparto.

Ademais, as producións ‘El futuro de la mente’ e ‘O reino suevo de Galicia’, ambas as dúas con participación da Televisión de Galicia, optan a mellor documental.

Fuente Crtvg.es