Marta Sánchez, Familia Caamagno e Xurxo Fernandes traen a ‘Luar’ as súas novas propostas musicais

0
16

Santiago, 25.02.2022.- O equipo de ‘Luar’ (21.55 h) comezará o seu tempo na Galega dedicándolle unhas sentidas verbas esta noite o humorista e colaborador do programa Pedro Brandariz, falecido esta semana. Por outra parte, esta é noite de eliminación no certame de novos talentos ‘Recantos’. Tras a competición artística de Carminha (Vigo) e Mixel (Galicia centro), dous dos recanteiros desta tempada deberán abandonar o concurso.

Este venres terá un peso destacado en ‘Luar’ Marta Sánchez, que traerá algúns dos seus temas máis recentes e de máis éxito ao longo de todo o programa. A galega, unha das grandes da música pop, con 36 anos de carreira ás súas costas, atópase inmersa na súa xira ‘A solas con Marta’, en que apoiada só polo piano, canta temas de Barbra Streisand, Antonio Vega ou Frank Sinatra.

O garage sesenteiro e as letras contundentes de Familia Caamagno regresan a ‘Luar’ para presentarlle á audiencia ‘Xuntos’, o primeiro sinxelo de adianto do que será o seu novo álbum, tema que hoxe acaban de lanzar.

Tamén o músico e investigador da tradición popular musical oral Xurxo Fernandes animará a presente edición, acompañado das voces e pandeiretas do grupo PanSenFron (Panedeireteiras sen Fronteiros). O coruñés ofrecerá algúns dos temas que recolle no seu último traballo discográfico: ‘Levaino!’

A diversión e as ganas de pasalo ben continuarán coas actuacións da orquestra Grupo JB Son, a compostelá Sofía Rial e do Obradoiro de cultura tradicional Chorima.

E neste programa dedicado a Tabeirós-Terra de Montes, o concurso telefónico do programa porá en xogo un bote acumulado de 7.500 euros.

Fuente Crtvg.es