A TVG e a RTP presentaron en Lisboa a nova serie ‘Auga seca’, thriller que chegará en febreiro ao ‘prime time’ da Galega

0
11

Santiago, 09.01.2020.-  A Rádio e Televisão de Portugal e a Televisión de Galicia presentaron onte en Lisboa a nova coprodución de ficción realizada entre ambas canles, ‘Auga seca’, que se estreará no ‘prime time’ da Galega o vindeiro febreiro.

No acto participaron Xosé Fragoso, director de Programas da RTP; Fernando R. Ojea, director de Contidos da CRTVG; Montse Besada, xefa de Contidos da CRTVG; José Amaral, responsable de SP-i Producións; Alfonso Blanco, responsable da produtora Portocabo, e a actriz Victoria Guerra, unha das protagonistas da serie.
    
‘Auga Seca’ é un trepidante thriller de seis capítulos, cuxa posta de longo internacional levouse a cabo no Mipcom de Cannes, mercado audiovisual onde converxe a industria global de medios e entretemento. Este drama policial sobre o universo do tráfico de armas e as súas conexións co mundo empresarial foi rodado entre Vigo e Lisboa o pasado verán, e supón unha nova colaboración entre TVG e RTP, canles que manteñen lazos estreitos. Esta é a terceira ficción coproducida polas dúas canles tras as series ‘Vidago Palace’ e ‘Verão M’. Pero esta colaboración cos medios públicos portugueses atinxe tamén a outros programas como ‘Camiños de irmandade’ ou a realización de especiais do ‘Aquí Galicia’ e do ‘Aquí Portugal’, entre as máis recentes.

A serie, que será distribuída internacionalmente pola británica DCD Rights, está dirixida por Toño López e ten como protagonistas os actores galegos Monti Castiñeiras, Sergio Pazos, e a portuguesa Victoria Guerra. Nada é o que semella en ‘Auga seca’, un thriller que conta a historia de Teresa, unha muller que toma a decisión máis arriscada da súa vida: infiltrarse nunha organización criminal para vingar a morte do seu irmán. Unha trama cargada de xiros e sorpresas que ten como escenarios as cidades de Vigo e Lisboa.

‘Auga seca’ conta co apoio da Agadic e do Europa Media Fund e está coproducida pola galega Portocabo e SP-i, a produtora de televisión máis importante de Portugal.

Fuente Crtvg.es