A TVG estrea esta noite o programa de entretemento ‘Soño contigo’, que reflectirá a paisaxe galega a vista de dron

0
36

Santiago, 27.12.2023.- A TVG estrea este mércores ‘Soño contigo’, unha nova serie de programas que ten como obxectivo reflectir a paisaxe ou aspectos estéticos de Galicia gravados desde a óptica dun dron. Neste caso dunha dron, que leva o nome de Liciña, diminutivo de Galicia. Este personaxe interactuará coa presentadora do programa, Alba Mancebo, que será a súa guía.

Como novidade nos programas da Televisión de Galicia, dotouse este dron de personalidade e voz, creada cun programa de intelixencia artificial que traballa co idioma galego. Deste xeito, ‘Soño contigo’ poñerá as novas tecnoloxías ao servizo de formatos audiovisuais inéditos, para explorar modernas formas de achegarse ao público.

O programa de estrea desta noite titúlase ‘Iluminadas’, e fará un percorrido pola iluminación de Nadal de cidades, vilas e aldeas galegas para reflectir o aumento do interese social polos adobíos nos espazos públicos. Da man das empresas dedicadas a poñer este tipo de iluminacións, os espectadores descubrirán as características propias de cada lugar, que é o que máis lles piden, os elementos comúns e as dificultades deste tipo de instalacións, sobre todo nas zonas antigas. 

O obxectivo desta primeira entrega de ‘Soño contigo’ é que a audiencia poida gozar do espectáculo da iluminación de Nadal sen moverse da casa. O programa gravouse nas primeiras semanas de decembro en Vigo, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Ourense, Lugo e Romarís (Vedra). A Televisión de Galicia despregou un amplo equipo que percorreu durante varias noites todos estes lugares para obter os mellores planos da decoración de Nadal.

Fuente Crtvg.es