A TVG métese entre bambolinas con ‘Comisión de festas’ para descubrir como se organizan as festas galegas

0
20

Santiago, 2.7.2022.-   En Galicia non hai vila sen festa nin celebración sen comisión. Grazas ao esforzo destes grupos de persoas, que traballan de forma voluntaria e desinteresada, os veráns están cheos de verbenas, foguetes e xuntanzas. Ata aí a parte coñecida, pero hai moito que o ollo non ve. E iso é precisamente o que o programa ‘Comisión de festas’ (00.20 h) vai amosarlle ao público: o que de verdade implica organizar unha festa.

Este novo programa, que a Galega estrea o domingo á noite, descubrirá todo este proceso a través dos integrantes das 13 comisións seleccionadas, aos que se acompañará ao longo de varias xornadas mentres tratan de recadar cartos, para cumprir os seus respectivos obxectivos, e preparar cada un dos elementos necesarios para as celebracións. Porque este é un reality sen trampa nin cartón, en que os protagonistas ensinan o bo e o malo, as risas e as bágoas, os éxitos e os fracasos… para que o público non perda detalle.

Cada unha das entregas de ‘Comisión de festas’ rematará cun festexo. Para seren exactos, co día grande da celebración de cada unha das localidades, que permitirá amosar o froito do traballo das diferentes comisións. Se todo vai ben, claro. Porque na vida, ás veces, as cousas saen dereitas e outras non tanto.

Hoxe, no Santo Hadrián de Cobres

Este primeiro programa levará os espectadores ata Santo Hadrián de Cobres, na provincia de Pontevedra. Nesta parroquia do concello de Vilaboa, a comisión está formada por un gran número de persoas. Ou, o que é o mesmo, 2 representantes de cada un dos barrios en que dividen a súa superficie. Funcionan como un pequeno exército perfectamente engraxado, con reunións continuas e repartimento minucioso das tarefas. Tamén se preocupan moito por manter as tradicións e, mentres uns piden polas casas e pegan carteis, outros percorren de maneira case obsesiva as veigas de millo buscando o pendón que o santo leva o día da festa.

Fuente Crtvg.es