A TVG ofrece este venres un ‘Evento G’ centrado en ‘Miss Vaca’, un concurso único no mundo

0
87

Santiago, 08.01.2021.-  Na primeira ocasión na súa historia en que o programa ‘Luar’ non comparecerá en venres, esta noite será protagonista na TVG un dos seus concursos máis orixinais, único no mundo, o ‘Miss Vaca’ (21.55 h), que cada ano premia o mellor exemplar de rubia galega das catro provincias.

A canle autonómica propón para hoxe un ‘Evento G’ que contará coa presenza de auténticas personalidades: as vacas, que irán desfilando como estrelas por unha alfombra vermella. Con elas, Alba Mancebo e Arturo Fernández van celebrar unha noite marabillosa, en que se lles dará a estes animais a importancia que merecen.

Por que queremos tanto as vacas? Que significan para nós? En que provincia de Galicia están as vacas máis fermosas? Que ten que ter a vaca perfecta? Esta e outras preguntas atoparán resposta no ‘Evento G’ deste venres, que contará coa presenza de convidados de luxo, como Xosé Ramón Gayoso, un dos creadores deste certame, que explicará a historia e o funcionamento de ‘Miss Vaca’.

Tamén estarán no programa outras personalidades que o saben todo sobre as vacas, como o antropólogo Manuel Mandianes, que estivo presente no nacemento deste concurso e que reflexionará sobre por que é un tesouro ter unha vaca nunha casa tradicional, onde se tratan case coma se fosen da familia.

Outro dos expertos que achegará a súa visión será Xacobe Pérez, que é xuíz nacional de rubia galega e que repasará as vacas gañadoras desde 2006 e axudará a resolver o enigma do predominio absoluto dunha das provincias galegas no concurso. Ademais, Suso, o veterinario máis coñecido da TVG, falará da implicación emocional dos galegos e galegas coas vacas.

Ademais, os espectadores coñecerán os nomes máis usados na poboación vacúa e as cancións máis famosas da tradición galega que falan deste animal. A música no programa desta noite virá da man de Festicultores, banda que se caracteriza pola diversión e a creatividade que pon en cada unha das súas actuacións e que, ademais de interpretar varios animados temas ao longo da noite, hoxe ofrecerá a estrea mundial dun tema feito ex professo para este grande evento: ‘Miss Vaca: a rumba’.    

Fuente Crtvg.es