Escolares de Santiago, Ferrol, Pontevedra, Cangas, A Fonsagrada e As Neves gañan os Premios DígochoEu de vídeos en galego

0
14

Santiago de Compostela, 16.05.2023.-  Os  II Premios DígochoEu da CRTVG xa teñen gañadores. Na tarde deste martes, nunha gran gala celebrada na Cidade da Cultura, anunciáronse os centros escolares premiados na edición deste curso escolar 2022-2023. A gala será emitida este mércores pola mañá na TVG, ás 12:00 horas.

Na categoría de primaria, foron premiados os vídeos presentados polos centros CEIP Ramón Cabanillas de Santiago, co #DígochoEu de Ouro; o do CEIP Plurilingüe de Ponzos (Ferrol), co de Prata, e o CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Praceres que gañou o #DígochoEu de Bronce. Na categoría de secundaria, o gañador do premio de ouro foi o IES Monte Carrasco de Cangas, seguido do IES Plurilingüe Fontem Albei (A Fonsagrada) que levou o #DígochoEu de Prata e o EFA A Cancela, das Neves, o de Bronce.

E os premios especiais do xurado, aos vídeos enviados polos propios centros educativos foron para o CEIP de Quiroga (Lugo) na categoría de educación primaria e para IES Nº1 da Estrada, de educación secundaria.      Resolveuse tamén o concurso Unha canción para Esther, entre os cinco grupos finalistas. O gañador foi o grupo King Kids co tema ‘Dígocho eu’. En segundo lugar quedou ‘Olimpíadas rurais’, de Diego de Braelle, seguido de ‘Mentiras que o lume prendeu’, de Chamaquito Pistolas; ‘Río’, de Rhome; e ‘Dáche igual’, hydn ft. Chris Indian.

Máis de 700 nenos e nenas de 20 centros escolares asistiron á entrega dos premios, que este mércores 17 emitirase na TVG ás 12:00 horas. O acto contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e de Gadis nesta iniciativa. Nesta ocasión, o xurado estivo composto por Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; a actriz María Foscaldo, máis coñecida pola súa personaxe Virtudes, e a xornalista e presentadora da TVG Loli Gómez.

DígochoEu, máis de 120 millóns de reproducións nas redes sociais, 90 deles en TikTok

DígochoEu é un proxecto da CRTVG para achegar o galego dunha forma dinámica e entretida a todo o mundo e, sobre todo, aos máis novos. Emite, desde xaneiro de 2020, un capítulo diario para a mellora do galego desde a televisión e as redes sociais da canle pública. Pode seguirse na web crtvg.gal, en g24.gal, no Telexornal da TVG, así como nas contas de Instagram (@digochoeu.tvg), Twitter (@DigochoEuTVG), Facebook (facebook.com/digochoeu.tvg), YouTube (youtube.com/tvg) e TikTok (tiktok.com/@digochoeu). Os vídeos co cancelo #DígochoEu superan os 120 millóns de reproducións nas redes sociais, 90 deles só en TikTok. E en Twitch, é a conta galegofalante nesta plataforma con máis seguidores. 

Recoñecementos

Os recoñecementos a DígochoEu non deixan de chegar: en 2022 acadou o premio Mestre Mateo ao mellor programa de televisión e Esther Estévez, a súa presentadora, foi recoñecida como mellor comunicadora de televisión, galardón que repetiu neste 2023. O espazo gañara días antes tamén o Premio Deleite á Promoción da Lingua no marco do mesmo certame. E anteriormente recibira, entre outros, o Premio Paraugas de Comunicación e Márketing, na categoría de Mellor Execución de Idea; o Premio Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, na categoría de Mellor Comunicación e Impacto, e o Premio da Cultura Galega 2021, galardón co que a Xunta de Galicia recoñece a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia.

Fuente Crtvg.es