A TVG percorre os ‘100 anos de verbena galega’, esta noite, cun musical que recolle as súas distintas etapas e estilos

0
3

Santiago, 25.08.2020.- As mellores formacións do noso país danse cita esta noite no espectáculo ‘100 anos de verbena galega’ (22.00 h), que presenta Sara Rodríguez na TVG. Realizado en Nigrán, este musical, que ofrecerá a canle pública en dúas entregas, percorrerá a historia destes festexos, a través da música das distintas épocas e de entrevistas a moitos dos seus protagonistas. A orquestra La Ocaband será a encargada de conducir os espectadores polas distintas etapas e estilos que marcaron a verbena galega ata chegar á actualidade.

Polo escenario de ‘100 anos de verbena galega’ pasarán as formacións máis destacadas do noso país, nun espectáculo que combinará luz, son e proxeccións. Os dous programas que ofrecerá a Galega, en martes sucesivos, xirarán arredor dos artistas e temas musicais que as orquestras foron levando polas distintas localidades nestes cen anos.

Nesta primeira entrega, baixo o lema ‘A verbena máis latina’, gozarase dos cen anos de verbena a ritmo de temas clásicos e ao estilo de cumbias, merengues, pasodobres, salsa e música popular galega, sempre presentes nos escenarios das orquestras. O seguinte martes, ‘100 anos de verbena galega’ achegarase aos temas de pop-rock das orquestras.

Para mergullarse nas distintas décadas, a orquestra La Ocaband contará coa participación de recoñecidos artistas destas formacións galegas, como Miguel Torres (orquestra Compostela), Luis Rey (excantante da orquestra Los Satélites), Luis Queimada (Grupo Queimada), Carlos Mariano (Suavecito), Blas (París de Noia), Willy (excantante da Sintonía de Vigo), Lito (Panorama), e Ruth Núñez, Fátima Pego e Marcos Rodríguez, cantantes en distintas orquestras.

Realizado coas medidas de seguridade sanitarias correspondentes, o espectáculo contou como público con representantes de comisións de festas e entidades culturais.

Fuente Crtvg.es