A TVG seguirá a partir deste sábado ‘A Pegada do Indiano’ en Galicia

0
12

Santiago, 10.01.2020.-    Emigraron na busca dun futuro mellor e, cando triunfaron, investiron na súa terra natal parte desa fortuna en forma de escolas, bibliotecas, asilos, centros de acollida, prazas de abastos, casas consistoriais, grandes empresas… O novo programa da TVG ‘A Pegada do Indiano’, que se estrea este sábado arredor das 11.00 h, percorrerá, a través de oito capítulos, outros tantos nomes destacados que deixaron, de norte a sur de Galicia, a súa ‘pegada’ material, presente aínda en moitos casos en forma de magníficos edificios ou empresas punteiras.

Pero esta serie documental tamén afondará no patrimonio inmaterial, case máis importante có material, xa que se algo uniu os indianos galegos é que todos compartiron o devezo por dotar a terra que os vira marchar das oportunidades que eles non tiveron. Moitos deles emigraron case analfabetos e fóra comprenderon que na formación estaba o progreso, de aí a súa teima por levantar escolas e formar as novas xeracións galegas.

Cada entrega de ‘A Pegada do Indiano’ indagará, a través de voces expertas, arquivos históricos e un gran labor de documentación, nas luces e sombras desas persoas que contribuíron a encamiñar a súa terra natal na senda da modernización. Así, cada semana, visitaranse aqueles espazos destacados na vida dos indianos, as obras que sobreviven a día de hoxe e o valor das súas achegas a través de voces expertas e mesmo familiares directos que dean a coñecer esas persoas que marcharon un día, lixeiros de equipaxe, a facer as Américas e que dunha ou outra forma contribuíron a cambiar a fisionomía do país.
       
Pedro Murias, José García Barbón, Sanjurjo Badía, os irmáns García Naveira, Manuel e Moisés Álvarez ou o fundador de Estrella Galicia, José María Rivera Corral, son algúns dos personaxes cuxa ‘pegada’, moi presente na actualidade, perseguirá a xornalista Teresa Rocamonde.
    
O programa de hoxe percorrerá os lugares que Pedro Murias amou e onde deixou a súa pegada, como a Escola Agrícola de Ribadeo, a granxa escola que aínda hoxe funciona como Centro de Capacitación Agrícola da Xunta. Co profesor Lourenzo Fernández Prieto, visitará a casa natal deste indiano. Na vella escola de Rinlo, levantada grazas a Murias, os espectadores escoitarán unha habanera interpretada polo Coro da Mariña e, na praia das Catedrais, lembrarán a infancia de Murias ata a súa partida cara á Habana para traballar na industria do tabaco, da que chegaría a ser un dos grandes empresarios. A historia rematará en Rinlo, onde está soterrado este ‘devesán que fixo as Américas’.

Fuente Crtvg.es