A xornalista da Radio Galega Cristina García, galardoada co II Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no Tratamento da Violencia Machista

0
59

Santiago, 23.11.2022.-    A xornalista da CRTVG Cristina García López, coordinadora de Programas da Radio Galega, foi galardoada co II Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no Tratamento e Comunicación da Violencia de Xénero, que concede o Concello de Redondela e Joshua Alonso Mateo. O certame recoñece a ética á hora de tratar información tan sensible como a relacionada coa violencia de xénero, evitando o sensacionalismo e coidando a intimidade das vítimas e superviventes máis vulnerables.

Cristina García, presentadora do ‘Galicia por diante’ da Radio Galega e de ‘A bóla Eextra’ na Televisión de Galicia, foi premiada polo capítulo ‘Mentres dormes’, do seu podcastSuperando a ficción’, de RadioGalegaPodcast.gal, que afonda nas violacións por submisión química. A través da historia persoal da directora británica Michaela Coel, a peza premiada explica os antecedentes deste tipo de violencia.

O podcast ‘Superando a ficción’ conta en cada capítulo unha historia real, pero co estilo narrativo dunha película radiofónica. O capítulo premiado, ‘Mentres dormes’, lévanos ao momento en que os membros da coñecida como a ‘Manada’ cometeron unha violación grupal en Pamplona, e como os investigadores descubriron que estes individuos abusaran anteriormente dunha rapaza en estado de inconsciencia. Tamén se trata a polémica distinción entre abuso e agresión sexual, que provocou a mobilización de milleiros de mulleres nas rúas e que acabaría desaparecendo coa recente aprobación da “lei do só si é si” (Lei de Garantía Integral de Liberdade Sexual).

O xurado estivo composto polo xornalista Alfredo Estévez; Patricia Costa, xornalista de Radio Nacional de España (RNE) e gañadora do ‘I Premio Sesé Mateo’; Eva Mejuto, escritora literaria e xornalista, e Paula Montes, xornalista de Radio Vigo Cadena SER e TeleVigo. A entrega do premio terá lugar este venres 25 de novembro no Auditorio Multiusos da Xunqueira (Redondela) ás 20.00 horas, e estará aberta ao público ata completar ocupación.

Novos contidos en RadioGalegaPodcast.gal

O podcast de Cristina García ‘Superando a ficción’ estreará novos contidos a vindeira semana, con 6 novos capítulos que se publicarán cada martes nesta plataforma.

O proxecto RadioGalegaPodcast.gal, nado en outubro de 2021, continúa sumando contidos, con novos podcasts nativos dixitais á marxe dos patróns horarios da radio e coa vontade de alcanzar diferentes públicos niño. Así, ao pioneiro ‘Superando a ficción’ foron uníndose novos proxectos, máis de 40 podcasts que conforman a oferta actual. A plataforma está tamén dispoñible en Spotify e en iTunes, co que se sitúa nos novos espazos de consumo da audiencia dixital.

Fuente Crtvg.es