‘Grandes cachadas. Canta conmigo’ trae hoxe grandes duetos da TVG, os máis divertidos e tamén os máis atrevidos

0
55

Santiago, 29.08.2021.-  Esther Estévez volve esta noite á Galega co ‘Grandes cachadas. Canta conmigo’ (23.35 h), un programa dedicado a todas esas actuacións caracterizadas pola xuntanza de voces e estilos, os duetos. Ás veces non resultan como se agarda, pero a maioría das veces ese atrevemento no escenario é todo un acerto.

E se hai un lugar que se presta ás novas relacións musicais é o ‘Luar’, onde se viron xuntanzas artísticas que ninguén imaxinaba. O propio Gayoso fixo numerosos duetos xunto a compañeiros de televisión e ao carón dalgunhas das estrelas internacionais que pasaron polo programa. Outras que se atreven a todo son as Cantareiras de Ardebullo. Hai quen as lembra polo seu humor, pero non se pode esquecer que Mucha e Nucha son cantareiras, así que compartiron escenario con todo tipo de artistas. Noutro programa, o ‘Land Rober’, tamén Roberto Vilar se animou a facer duetos cun resultado moi divertido.

O programa ‘Canta conmigo’ amosará algúns dos grandes duetos da historia da Galega e algúns dos máis curiosos,  protagonizados por artistas, como Ana Kiro, Juan Pardo, Pili Pampín, Lucía Pérez, Cristina Pato ou Xosé Manuel Budiño. Tamén con artistas de fóra que actuaron aquí en numerosas ocasións como Lolita e Peret.  

Veranse duetos familiares, dun artista xunto ao seu ídolo e algúns de cantantes que aproveitan para practicar o seu galego. Desas parellas artísticas poden saír xuntanzas inesperadas e temas moi coñecidos que poucas veces se escoitaran dese xeito.

Fuente Crtvg.es