Actuación estelar do desaparecido Sancho Gracia en ‘Pratos Combinados’, onde dá vida ao irmán de Miro Pereira

0
17

Santiago, 06.05.2020.-  ‘Pratos Combinados’ (22.30 h) comeza a súa cuádruple sesión deste mércores co capítulo titulado ‘Un superdotado na familia’,  en que  unha charla co sicólogo do instituto ao que asiste Migueliño fai pensar a Miro que o seu fillo é un superdotado. Migueliño reúne en primeira instancia algunhas das condicións típicas destes nenos: despistado, preguiceiro, desordenado e abúrrese soberanamente en cada clase á que ten que asistir. Cando o tío Antón aparece na casa dos Pereira cun abraiante agasallo, un potente ordenador cunha chea de programas didácticos, o bo de Migueliño aproveitase da providencial axuda para se facer pasar por un auténtico superdotado e, de paso, abusar da inxenuidade de seu pai, quen, ao se ver cun xenio na familia, mércalle a Migueliño as cousas que vai precisando para desenvolver axeitadamente o seu “privilexiado” intelecto.

Continúa o maratón desta semana cun aliciente engadido, a participación estelar do xa finado actor Sancho Gracia, que interpreta nesta ocasión a Falcón, un estafador que se fai pasar por irmán de Miro Pereira. Neste episodio, titulado ‘Miña naiciña querida’, os ‘reality-shows’ irrompen con forza no Bar Suízo, xa que unha confusión fai pensar a Miro que a súa nai non é a súa verdadeira proxenitora. Ante esta situación, decide poñerse en contacto cun programa de televisión especializado nestes casos para procurar a súa auténtica nai.  O seu chamamento é recollido por un estafador, interpretado por Sancho Gracia, que intentará obter proveito da incredulidade de Miro Pereira, facéndose pasar por irmán seu.

No seguinte episodio que emite hoxe a TVG, ‘Os fumes de Antón’, o protagonista será Antón, que anda namorado dunha rapaza amante da vida sa e deportiva. Por ela deixará de fumar, utilizando para iso todos os métodos coñecidos, como acupuntura ou os parches de nicotina…, e mesmo algún aínda sen experimentar. Miro, Balbina, Paspallás e o pintoresco personaxe interpretado por Manuel Pombal, asistirán divertidos aos intentos de Antón por romper co tabaco…, e cos seus fumes.

Con ‘A vinganza da avoa’ seguen as andainas e aventuras que teñen lugar no Bar Suízo. E, de novo, haberá máis quebracabezas para Miro Pereira, xa que terá que facer gala da súa ‘man dereita’ para arranxar un problema familiar provocado pola súa nai, dona Carme. A historia principia cando os celos empezan a atacar á avoa, por mor das viaxes que fan as súas amigas e que ela non pode facer. Deste xeito, dona Carme pensa que o seu fillo non a trata como é debido, e argalla unha pequena historia para chamar a atención e, de paso, conseguir que a traten como unha raíña. Durante uns días os caprichos da avoa traerán de cabeza á familia Pereira, ata que un pintoresco amigo de Paspallás axudará…, non se sabe moi ben se a arranxar o asunto ou a complicalo aínda máis. Nesta entrega, ademais dos actores habituais, contarase coa presenza como artista convidado do actor Manuel Pombal.

Fuente Crtvg.es