Alumnos de Infantil e Primaria de Ames, Ponteareas e Allariz, gañadores dos premios ‘Nós tamén creamos!’ 2023

0
28

Santiago, 03.07.2023.-    O certame ‘Nós tamén creamos!’, que fomenta a creatividade e o uso da lingua galega mediante a realización de curtas de animación, xa ten gañadores na súa undécima edición. Nesta ocasión, foron alumnos de Ames, Ponteareas e Allariz os que se fixeron cos galardóns dun concurso convocado conxuntamente pola Xunta de Galicia e a CRTVG e que conta coa colaboración de OQOeditora.

Na modalidade de Educación Infantil, o xurado concedeulle o premio ao EEI do Milladoiro, na localidade coruñesa de Ames, por ‘Tonino. Un pingüín en Ames’. Na categoría de 1º e 2º de Primaria resultaron galardoados o profesorado e o alumnado do CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera, de Ponteareas (Pontevedra), polo traballo ‘O cascabel da gata’. Finalmente, a curta ‘Sígueme’, do CEIP Padre Feijoo, de Allariz (Ourense), fíxose co premio na modalidade de 3º e 4º de Primaria. Estes traballos, incluídos os accésit de cada categoría, outorgados a colexios de Santiago, Vigo e Sober, poden verse na sección infantil da web da CRTVG.

Cada un dos centros premiados recibirá un lote de libros de OQOeditora, un agasallo da CRTVG e un diploma acreditativo. Ademais, o profesorado participante nas curtas premiadas obterá unha certificación de Premio de Innovación Educativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Mediante a elaboración de curtas de animación en galego coa técnica stop-motion, ‘Nós tamén creamos!’ busca favorecer a innovación educativa para promover xeitos cada vez máis efectivos de aprendizaxe de linguas; conseguir unha relación positiva dos rapaces co idioma propio de Galicia, ao relacionalo co audiovisual e coas TIC; abrir unha nova oportunidade para que a mocidade se achegue á lectura; fomentar a creatividade en lingua galega e difundir as posibilidades de ocio en galego que ofrece a TVG.

Fuente Crtvg.es