Amplo despregamento na RG coa chegada a Galicia da Volta Ciclista a España

0
10

Santiago, 03.11.2020.-    O pelotón da Volta Ciclista a España chega a Galicia e a Radio Galega ten preparado para estes días un amplo despregamento para dar cobertura á carreira.

O martes, desde as 16.00 h, Paco Santos conduce a retransmisión dunha das tiradas máis espectaculares desta edición, a subida ao Ézaro, na modalidade contra o reloxo. Pedro Pablo Alonso encargarase da narración, con Roberto Carlos Carballo no micrófono sen fíos e cos comentarios do corredor Gustavo César Veloso acompañado por Raúl Villares nos estudios centrais.

O mércores, tamén a partir das 16.00 h, o programa especial contará o desenlace da etapa con saída en Lugo e chegada en Ourense. Durante a tarde, o ciclismo non será o único protagonista, xa que vai coincidir co encontro de fútbol feminino entre o Real Madrid e o Deportivo da Coruña, que se disputará en Valdebebas. Javi Torres encargarase de trasladarlle á audiencia o que suceda neste compromiso do campionato de Liga.

Ademais das dúas edicións especiais, o equipo deportivo da Radio Galega informará da Volta a España nos programas ‘Zona Mixta’, ás 15.00 h; ‘A Crónica dos Deportes’, ás 20.30 h; e ‘Ao Contraataque’, a partir das 23.00 h.

Estas emisións deportivas chegarán aos oíntes a través da FM, TDT, radiogalega.gal, Radioplayer España, altofalantes Alexa e a calquera hora a través do podcast da web.

Fuente Crtvg.es