Anselmo, o carteiro máis famoso da TVG, percorrerá Galicia cada sábado co novo programa ‘Sen Código Postal’

0
16

Santiago, 25.12.2020.–    A TVG estrea este sábado, ás 18.30 h, o programa ‘Sen Código Postal’, unha nova produción que conta cun vello coñecido dos espectadores, Anselmo, o que fora carteiro de ‘Luar’, interpretado por Luís Zahera, que agora é o carteiro da Televisión de Galicia.

Anselmo é un tipo peculiar e simpático, que sempre vai coa súa bicicleta, a súa carteira amarela e a súa peculiar gorra con anteollos. Agora está de volta para percorrer Galicia e levar unha carta a un veciño para que lle ensine os recunchos da súa vila e se gañe con iso o recoñecemento de embaixador.

Deste xeito, ‘Sen Código Postal’ proporá cada semana un paseo pola nosa terra visitando os lugares e veciños máis descoñecidos, os máis simpáticos, os máis característicos e os máis sorprendentes, uns destinatarios moi especiais que teñen moito que contar da nosa terra.

Nesta primeira entrega, Anselmo visitará a vila de Laxe na procura de Pepe Piña, un músico, compositor e cantautor da movida dos 80, oriúndo desta terra e cunha dilatada traxectoria artística, co que os espectadores coñecerán a vila e os personaxes máis salientables do lugar. 

Así, ‘Sen Código Postal’ estará con Baltasar, antigo traballador das minas de caolín; co padre Juan, que ensinará a igrexa e o retablo; con Víctor, que contará a historia do naufraxio do Adelaide, e con Antón, mariñeiro e poeta. O intenso día fará que Pepe Piña sexa merecedor do titulo de embaixador de Laxe e que Anselmo lle impoña unha banda como homenaxe e recoñecemento.

Fuente Crtvg.es