As autonómicas adaptan a súa programación estival a un verán diferente

0
5

Santiago, 09.07.2020.-  Xa chegou o verán e con el, as novas programacións das radios e televisións públicas autonómicas. As canles da FORTA ofrecen programación para todos os gustos, desde reportaxes turísticas ata programas musicais, pasando por programas gastronómicos, cine, deporte e moito máis. Na programación non podía faltar unha homenaxe ás festas locais que non se poderán celebrar debido á Covid-19. Para lembrarnos desas celebracións, À Punt estrea ‘La Terrassa’, presentado por Carolina Ferre e Eduard Forés, Televisión Canaria estrea ‘Viva Canarias’, un espazo que percorrerá os diferentes municipios das Illas, e Televisión de Castilla-La Mancha (CMM) emite ‘Fiesteros’, para rememorar as festas. Ademais, a canle manchega creará un mapa interactivo de festas, que ten como premio un aloxamento nunha estancia rural da rexión. EiTB realizará na súa programación pequenas chiscadelas ás festas, por exemplo, a través da emisión en directo de ‘Txupinazoa Gogoan’.

Os programas musicais continúan sendo dos favoritos: Televisión de Galicia estreou a segunda temporada de ‘A liga dos cantantes extraordinarios’, con máis tensión no concurso, máis música e máis humor.  Ademais, a partir do 19 de xullo, ‘Aquí hai verán’ dará conta de canta festa, evento ou romaría se celebre en Galicia durante estes meses e retratará o ocio e o entretemento das vacacións de verán dos galegos; e tamén chegará á grella da Galega o programa ‘Cantas ou que?’, un formato de entretemento baseado no karaoke entre cantantes de orquestras, con moita tradición nas festas patronais do verán.

A gastronomía e os grandes chefs

O confinamento conseguiu que dediquemos máis tempo á cociña, e isto vese claramente reflectido no panorama audiovisual. Claro exemplo disto é EiTB, que emitirá en ETB2 ‘El club del tupper’, onde o cociñeiro e presentador Javi Sierra convidará todas as semanas tres personaxes famosos a competir entre eles nos fogóns. Joseba Arguiñano estará á fronte dun novo espazo en que cada día recibirá a un invitado xunto a quen cociñará e comentará todas as curiosidades da receita. À Punt, pola súa parte, ofrece contidos o seu programa de cociña e humor ‘Així dona gust!’. A nova temporada da versión estival de ‘Joc de cartes’ en TV3 co cociñeiro Marc Ribas busca os mellores restaurantes de verán de Catalunya, e Catalunya Ràdio estrea ‘La fonda’. Volve tamén á grella o programa ‘Al alimón’, de Televisión Canaria, onde dous chefs antagónicos reciben a diferentes invitados na cociña.

A importancia de viaxar

O turismo, o sector máis afectado pola Covid-19, ten unha representación especial nas grellas. Neste sentido, Telemadrid estrea ‘Dos en la carretera’, programa que percorrerá os municipios e barrios da Comunidade de Madrid poñendo en valor o turismo de proximidade e a cara menos coñecida da rexión. O programa preséntano Carmen Alcayde e Óscar Martínez, que, a bordo dunha furgoneta retro-vintage, farán o seu particular periplo polas estradas madrileñas. 

Pola súa parte, Aragón TV estreou ‘De propio’, programa que invita a visitar recunchos de Aragón. E ‘Encontrados’ chegará en agosto para amosar iniciativas que buscan atraer habitantes e loitar contra a despoboación. Destaca tamén o programa de Aragón Radio, ‘La historia en su lugar’, para viaxar polo pasado de Aragón coñecendo en cada unha delas parte da súa historia, personaxes ou lendas. CMM reforza a súa programación no verán coa nova temporada de ‘El Cuentakilómetros’. O programa promove o mapa cultural e patrimonial da rexión, converténdose en toda unha lanzadeira para o turismo rexional; mentres que ETB e Iñaki Urrutia percorren a bordo dunha furgoneta oito rutas turísticas por todo Euskadi.

Oferta cultural: música e cine

À Punt arranca a segunda temporada do concurso musical, ‘Cantant al cotxe’; CMM Radio acompaña o verán coa mellor música á carta co ‘La Rotonda’; e EiTB1 ofrecerá os recitais musicais de ‘Kulturunea’ que se emitiron previamente por streaming. Canal Sur Televisión mantén a súa cita co cine, e ás habituais películas sen cortes de martes e xoves sumarase a noite do sábado en agosto. O cine made in Hollywood será outro dos protagonistas do verán de Televisión de Galicia cada noite de mércores, seguido dos títulos máis destacados do cine galego dos últimos anos. E Aragón Televisión e ETB apostan tamén polos ciclos de cine este verán. 

Os directos reforzan protagonismo e o deporte volve á escena

Destacan na grella estival os directos, como ‘À Punt Directe d’estiu’, o magazine de conexións en directo de À Punt e que continúa no verán desde o porto de Valencia. No deportivo, ‘Castilla-La Mancha en Juego’, de CMM reactivará a emoción do fútbol rexional e os principais equipos de primeira división. ETB ofrece a maior oferta deportiva: o programa ‘Plazandreak’ dará a coñecer a pelota feminina, o espazo ‘ETB Kantxa’ regresou desde o frontón Astelena de Eibar, o pasado 4 de xullo comezou a temporada de remo e emitiranse en directo competicións ciclistas internacionais.

As autonómicas apostan tamén por novos formatos, como o programa ‘Centenarios’ que vai a estrear Canal Sur, un docu-show en que se van a coñecer persoas centenarias, ‘historia viva de nuestra tierra’. Toda esta oferta complementarase con informativos para que oíntes e espectadores conten coa mellor información estival, con misas todos os domingos e con programas de ocio e entretemento para todos os públicos. 

Fuente Crtvg.es