As autonómicas vólcanse para apoiar o sector do turismo

0
2

Santiago, 18.06.2020.- As radiotelevisións membros da Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicas (FORTA) comprométense cos sectores máis afectados pola crise derivada da pandemia mundial, lanzando unha serie de iniciativas de apoio a diferentes sectores económicos. Entre elas atópase o sector turístico, un dos que máis está sufrindo nesta situación e unha peza fundamental na economía do país; en 2019 supuxo o 12% do PIB nacional, e o 13% do emprego en España.  

Alianzas, colaboracións e análise da situación

Algunhas corporacións buscaron alianzas, como é o caso de À Punt, que en colaboración coa Sociedade Anónima de Medios de Comunicación da Comunidade Valenciana (SAMC), promocionan o turismo da comunidade a través dun chamamento para a produción de formatos de entretemento relacionados co turismo, e cuxo obxectivo é a creación e difusión de contidos audiovisuais que promocionen os recursos e a oferta turística; ou a emisora de EiTB, Euskadi Irratia, que no programa ‘Baipasa’ explica aos seus oíntes os novos modelos de turismo, coa colaboración de representantes de Donostia Turismoa, da asociación de empresas do sector do luxo e dos pisos turísticos. 

Desde Radio Televisión Canaria (RTVC) optaron por producir e emitir programas que analizan as posibles vías para a recuperación da mesma ante a nova normalidade. Entre eles hai reportaxes tanto de produción propia como ‘Tiempo de cambios’, ‘Veranovirus’ ou ‘Fuera de plano’; como de produción externa, entre os que se atopan ‘Reconstruyendo el paraíso’ ou ‘Reencuentros en la tercera fase’. 

Programas como ‘Andalucía Directo’, de Canal Sur TV, ofrecen cada día unha proposta de escapada, visita ou recomendación para facer turismo en Andalucía. Canal Sur Radio tamén aposta por elo, e no programa ‘La Mañana de Andalucía’, os correspondentes nas distintas provincias invitan a visitar espazos naturais, monumentos, praias, etc. A Corporación Aragonesa de Radio e Televisión (CARTV) puxo en marcha a iniciativa ‘Un verano inolvidable’ na que percorrerán o territorio amosando, tanto en Aragón TV como en Aragón Radio, as iniciativas que van xurdindo co fin de revitalizar a vida social e a economía tras estes meses de confinamento e desescalada. 

En Galicia, a CRTVG emitirá ‘Galicia Emerxe’, unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia, para reactivar os sectores cultural e artístico fronte aos efectos derivados da covid-19. Os concertos serán gravados en setembro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Ademais, TVG estrou a principios de xuño ‘O sol sae para todos’, programa de actualidade que se emite de luns a venres despois do ‘Telexornal Mediodía’ e que narra como, pouco a pouco, os sectores sociais, culturais e económicos vanse poñendo en marcha. Nos seus primeiros capítulos afondou na reactivación do Camiño de Santiago e do sector turístico, observando como, despois de meses de parálise, se volvan a poñer en marcha negocios do sector hoteleiro, os cámpings ou os albergues do Camiño de Santiago e os principais museos de Galicia. 

Outros programas da grella, como ‘Actualizad@s’ ou ‘A Revista’ tratan a diario a volta á “nova normalidade”, e nestes días emitiron reportaxes sobre rutas turísticas por toda Galicia, praias e terrazas (`Actualizad@s´); e sobre o sector da hostalaría e as salas de festas, os balnearios, as axencias de viaxes ou os populares ‘furanchos’ galegos, no caso de ‘A Revista’. Tamén a Radio Galega está a emitir programas e reportaxes sobre a `nova normalidade´ da actividade turística nas catro provincias.

Pola súa parte, EiTB puxo en marcha a campaña ‘¿Cómo salimos de estas?/Nola aterako gara honetatik?’  que analizará o modelo de turismo cara o que esta crise nos está abocando, incluíndo reflexións de diferentes personalidades sobre os cambios que veñen, ou o modelo de cidades en que vivimos. Baixo o cancelo #MequedoenAndalucía, Radio e Televisión de Andalucía (RTVA) puxo a disposición do sector turístico andaluz toda a súa multiplataforma para a difusión e promoción do turismo en Andalucía, todo elo co ánimo de propiciar as viaxes internas dos andaluces. E no caso da Televisión de Castilla-La Mancha CMM levaranse a cabo campañas de promoción de Castela A Mancha, poñendo en valor a súa riqueza cultural, entre a que cabe destacar a hostalaría e gastronomía, durante os meses de xuño, xullo e agosto. CMM lanzou tamén o primeiro mapa interactivo para dar a coñecer as festas que este verán se celebrarán na rexión. A iniciativa #FiesterosCMM tamén premia a quen participen en tempo real coa emisión do programa de televisión, sorteando unha escapada rural. O apoio de CMM ao sector refórzase cos programas ‘Ancha es Castilla-La Mancha’ e ‘El Cuentacuentos’, que estreou temporada prestando especial atención a como se prepararon os destinos turísticos para afrontar esta temporada. 

Todas estas iniciativas e campañas buscan potenciar o sector turístico incitando ao respecto e aplicando todas as medidas decretadas polo Goberno para garantir a seguridade e a calidade de todos os cidadáns. 

#Coidémonos

………………………………….

Fuente Crtvg.es