As barreiras de comunicación dos escolares xordos, prioridade para a Federación de Persoas Xordas de Galicia

0
12

Santiago de Compostela, 23.09.2021.-  O Presidente da Federación de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), Iker Sertucha, foi entrevistado este xoves, Día Internacional das Linguas de Signos de Nacións Unidas, no espazo ‘Bos días’ da Televisión de Galicia.

Iker Sertucha explicou que a pandemia da Covid-19 foi especialmente dura para o colectivo “e máis para as persoas xordas cegas, con barreiras como o illamento social e o incremento das consultas telefónicas e on line, cunha gran brecha na comunicación”. Salientou o traballo da federación e da súa rede asociativa para tratar de salvar esas barreiras, así como o conflito coas máscaras transparentes certificadas que persoas deste colectivo empregan no seu día a día, e a súa homologación “que aínda está pendente”.  

A Federación de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) celebra esta semana actos de visibilización e reinvindicación, con especial fincapé nas necesidades dos nenos e nenas xordos e o reto de inclusión que supón a súa escolarización, xa que precisan recursos para a súa adaptación, “como contidos con subtítulos e intérpretes, para logo poder  acceder ao eido laboral”. “A sociedade entende a accesibilidade arquitectónica, as barreiras físicas, pero nós centrámonos na accesibilidade da comunicación nas escolas ou nos postos de traballo, entre outras”, sinalou Iker Sertucha.

O presidente da FAXP explicou tamén que “hai moitas linguas de signos e cada país ten unha propia. Respecto do debate da lingua de signos galega, é un traballo arduo de investigación linguística. Si hai signos propios, signos galegos, pero o traballo é profundo, de gramática, de sintaxe da lingua, e os avances de momento son poucos”.

Co gallo desta efeméride, as #AcciónsG da CRTVG poñen a ollada na accesibilidade das persoas xordas. Os espectadores da TVG e os seguidores das súas redes sociais e canles dixitais van poder aprender termos útiles na lingua de signos (LSE) e coñecer o día a día de persoas xordas de todas as idades. #AsMansComunican difundirá vídeos e accións nas redes sociais, pílulas informativas e espazo en todos os medios da Corporación e visibilizará o 10º Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) da ONU, referente á ‘Redución das desigualdades’.

Televisión de Galicia emite os seus dous informativos principais diarios en lingua de signos: o ‘Telexornal mediodía’ e o ‘Telexornal serán’, de luns a venres (en redifusión pola G2), con intérprete de LSE e total accesibilidade para o colectivo de persoas xordas de Galicia. Os dous informativos están tamén dispoñibles en www.crtvg.gal, accesibles a calquera hora.

Dende 2018, a CRTVG dá visibilidade aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) difundíndoos en Galicia a través destas campañas con contidos e proxectos que xeren valor social ou contribúan á solución de retos sociais e que xa foron recoñecidas con dúas mencións de “Boa Práctica” polo Pacto  Mundial de Nacións Unidas.

Fuente Crtvg.es