As dificultades de Celia para reunir os cartos da fianza de Raúl centran a dobre entrega de ‘Saudade de ti’ desta noite

0
1

Santiago, 10.07.2023.-    No primeiro capítulo deste luns de ‘Saudade de ti’ (22:45 h), Celia quere sacar a Raúl do cárcere, onde está preso por golpear a Garay e deixalo en coma, pero non dá reunido os 25.000 euros da fianza. Isidro está disposto a vender a súa parte de Casa Eiroa para axudarlle á súa filla, aínda que iso supoña desfacerse do seu medio de vida.

Aínda que está vivindo con intensidade a súa aventura sentimental fóra do matrimonio, Adela ten tempo de incitar a Mónica para que aproveite as circunstancias e recupere a súa relación sentimental con Raúl. Pero a súa nora xa bastante ten cos síntomas do embarazo.

Mentres, a investigación sobre David e Belén segue o seu curso e leva a Brais a Ribadeo. Necesita descubrir quen é realmente o amante de súa nai para protexer os intereses da familia, aínda que non sexa doado atopar información sobre o pasado desa xente.

A continuación, no seguinte capítulo, os espectadores verán como, se quere sacar a Raúl do cárcere, Celia terá que tragar o seu orgullo e falar con Gaspar para conseguir os 25.000 euros da fianza. O seu mozo está disposto a aceptar a oferta que lle fixo o seu pai pola empresa, pero se cadra xa é demasiado tarde. O estado de saúde de Garay é cada vez máis crítico e todos son conscientes de que o seu falecemento agravaría as consecuencias penais da agresión.  

Grazas aos doces elaborados por Belén, Gaspar decátase de cal pode ser o seu lugar de procedencia e envía alí a Brais. O rapaz vai disposto a descubrir os segredos que agocha David, o amante de Adela, que tamén mantén unha relación en paralelo con Elba.

Pola súa parte, Santi parece decidido a ir visitar a Artai para preguntarlle se quere vivir en Valencia ou regresar a Abrente. Mauri ten claro que o neno debe volver con eles e está disposto a ir tamén alá para convencelo.

Fuente Crtvg.es