Nova noite de festa en ‘Bamboleo’, hoxe coas actuacións de Sabela Ramil e Nyno Vargas

0
22

Santiago, 27.11.2021.-   Nova noite de entretemento e espectáculo na TVG co programa ‘Bamboleo’, que contará esta semana coa presenza da cantante galega Sabela Ramil, unha artista moi querida polo público tras darse a coñecer en ‘Operación Triunfo’. Ademais de interpretar os seus últimos éxitos, como ‘Mi reina’ e ‘Sin tu amor’, a cantante participará nos xogos que lle propoñan os colaboradores do programa.

No escenario tamén estará o cantante valenciano Nyno Vargas, cuxa traxectoria musical é unha aposta constante por defender un estilo persoal fronte aos clixés de cada un dos xéneros que foi incorporando á súa música. Esas ganas de vencer limitacións acompañáronno durante uns anos que foi nutrindo a súa música de xéneros como o rap, os ritmos latinos, o flamenco e o pop ata acadar un estilo único e identificable.

Os ritmos da verbena chegarán este sábado ao ‘Bamboleo’ da man da orquestra La Ocaband, mentres que a exhibición de baile correrá a cargo do grupo de danza de Vigo Grow as Ohana.

Na sección ‘Agora ou Nunca’ enfrontarán as súas voces Raquel de Oliveira, que cantará ‘Color esperanza’, de Diego Torres, e Uxía, que fará o propio con ‘Skin’. En ‘A Jrileira’, como cada semana, dúas entidades deportivas poranse a proba no karaoke e acertando cantantes.

Finalmente, na ‘ITV do Amor’, a proba máis picante do ‘Bamboleo’, un concursante do público xogará contra unha parella e os seus amigos. En xogo hai moita diversión e un gran premio.

Fuente Crtvg.es