As mellores propostas de entretemento esta Semana Santa, na TVG

0
45

Santiago, 31.03.2021.-  A TVG acompañará esta Semana Santa a audiencia da Galega cunha programación variada, dirixida a toda a familia, co lanzamento de programas e longametraxes e, como espazos relixiosos destacados, coa transmisión de dous oficios nos días festivos. Tamén os magazines das tardes na canle pública contarán en directo o que estea pasando en cada recuncho da nosa terra.

A diversión será o ingrediente primordial nas noites do mércores e xoves, coa entrega especial de ‘A miña familia pola túa. Xa non podo máis’, que en formato de miniserie de cinco capítulos, contará as vicisitudes e conflitos que xorden cando dúas familias con estilos de vida totalmente opostos se xuntan para convivir. A continuación, a TVG ofrecerá a versión remasterizada do clásico ‘Os 10 mandamentos’, película histórica protagonizada por Charlton Heston que dramatiza a historia de Moisés, un príncipe exipcio adoptado que se converte nun líder do pobo hebreo.

O xoves, estrea do thriller ‘Quen a ferro mata’

O xoves, a TVG ofrecerá ‘As tentacións de Rober’, un especial que, con moito humor, descubrirá os segredos máis ocultos e nunca desvelados de Roberto Vilar, grazas ás revelacións dos seus compañeiros. Profesionais dos medios públicos galegos, como Marta Darriba, Paco Lodeiro, Terio Carrera e Marcial Mouzo, entre outros, contaranlles aos espectadores o lado descoñecido do presentador da TVG.

Esta será tamén unha noite de estreas cinematográficas, coa emisión de ‘Quen a ferro mata’, película participada pola Galega e recoñecida con numerosos galardóns coa vinganza e o narcotráfico como trama de fondo. Dirixido por Paco Plaza, este thriller conta nos papeis principais con Luis Tosar e Xan Cejudo. Gravada en Galicia, entre Betanzos e Cambados, a acción sitúase nunha residencia da terceira idade na costa galega, onde o protagonista é o xefe de enfermería e debe atender a un narco recén saído do cárcere.

Os festivos, oficios relixiosos pola tarde desde San Frutuoso

Os dous días festivos, os espectadores poderán seguir as principais celebracións relixiosas. Así, a G2 e a web da CRTVG ofrecerán o Xoves Santo a Misa da Cea do Señor (18.00 h) e o Venres Santo retransmitirase a celebración da Paixón do Señor, desde a igrexa de San Frutuoso.

A web da CRTVG ofrecerá, a maiores, desde Lugo, a Vixilia Pascual, ás 20.00 h do sábado, e a Misa Pontifical de Resurrección, ás 12.00 h do domingo, ambas presididas polo bispo Alfonso Carrasco Rouco.

A fin de semana trae humor e moito entretemento

Por outra parte, o humor protagonizará a nova entrega do noticiario máis pillabán da Galega, o ‘Malicia Noticias’, cunha edición de maior duración o domingo 4, e das andanzas de Luís Iglesia e Miguel Canalejo, protagonistas da serie ‘Método criminal’, á fronte deste peculiar clan familiar de narcotráfico.

Ademais, como é costume, ‘Luar’ e ‘Bamboleo’ non faltarán as súas respectivas citas semanais na faixa do prime time do venres e sábado, respectivamente.

A Semana Santa, tamén nos contidos da RG

Os magazines de mañá e tarde da Radio Galega, ‘Galicia por Diante’ e ‘A Tarde’, incluirán contidos especiais o Xoves e o Venres Santo. Do mesmo xeito, o espazo máis noctámbulo da emisora pública, o ‘Pensando en ti’, incorporará a temática de Semana Santa como eixo principal.  

Fuente Crtvg.es