CRTVG.gal ofrece o regreso da Real Filharmonía de Galicia aos escenarios, nun recital con Nuno Coelho á batuta

0
8

Santiago, 24.02.2021.-  O portal web da CRTVG retoma este xoves a transmisión por streaming dos concertos da presente temporada da Real Filharmonía de Galicia, suspendidos estas últimas semanas por mor das restricións sanitarias. Na sección ‘Fluxos G’, os usuarios de crtvg.gal poderán seguir en directo, a partir das 20.00 horas, o concerto ‘Viva Beethoven’ (http://www.crtvg.es/en-directo/fluxos-g-concerto-da-real-filharmonia-de-galicia), desde o Auditorio de Galicia. O director luso Nuno Coelho debutará coa orquestra galega á batuta, no que será un concerto homenaxe ao compositor Ludwig van Beethoven (1770-1827).

Baixo o título ‘Viva Beethoven’, o concerto comezará coa versión de 1943 de La Noche Transfigurada, de Arnorld Schoenberg (1874-1951), inspirada no poema homónimo de Richard Dehmel. A continuación, os músicos interpretarán a Sinfonía nº 5, unha das composicións máis populares da música clásica.

Nuno Coelho foi o gañador do Concurso Internacional de Dirección da Orquestra de Cadaqués en 2017 e é director convidado da Orquestra Gulbenkian. Nesta temporada, ademais dos concertos en Lisboa, debutará coa Staatsorchester de Hannover, coa Simfónica de Barcelona e Noord Nederlands.

Desde decembro e ata o mes de maio, o portal web da CRTVG está retransmitindo os xoves por streaming os concertos da presente temporada da Real Filharmonía de Galicia, cos que celebra o seu 25 aniversario. Estes recitais só poderán verse en directo, xa que non quedarán posteriormente gravados na web. As retransmisións están dispoñibles na sección ‘FluxosG’ do portal da CRTVG, destacada na súa portada.

Fuente Crtvg.es