As películas ‘Matria’ e ‘Sica’, participadas pola Televisión de Galicia, chegan á Berlinale

0
3

Santiago, 16.02.2023.-    As películas galegas ‘Matria’ e ‘Sica’, participadas pola TVG, terán a súa estrea mundial na Berlinale, un dos festivais de cinema máis importantes do mundo, que hoxe comeza e que se celebrará ata o vindeiro 26 de febreiro.

Matria’, a ópera prima de Álvaro Gago, estrearase este venres e entrará a competición dentro da sección ‘Panorama’. Trátase da primeira longametraxe do cineasta arousán e parte da personaxe principal da curtametraxe homónima que o levou a recibir innumerables recoñecementos a nivel nacional e internacional, como o Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance 2018 ou a selección como finalista ao Goya á mellor curtametraxe de ficción en 2019.

‘Matria’ conta a historia de Ramona, que vive nunha vila de Galicia sumida nun contexto laboral e persoal tenso e impredicible. Sempre sacrificándoo todo polo futuro da súa filla Estrella, verase empurrada a mirar para dentro e a pensar que, tal vez, haxa algo novo polo que vivir. A actriz María Vázquez interpreta a Ramona e completan o elenco Soraya Luaces, Santi Prego, Eduardo R. Cunha ‘Tatán’, Susana Sampedro e Francisca Iglesias, protagonista da curtametraxe e da historia real en que se inspira o filme.

Pola súa parte, a produción galego-catalá ‘Sica’, a primeira longametraxe de ficción de Carla Subirana, foi seleccionada na sección ‘Generation’, onde se exhibirá o vindeiro domingo. Trátase dun coming-of-age, xénero que se centra no crecemento psicolóxico e moral do protagonista, que conta a busca que leva a cabo unha rapaza de 14 anos, obsesionada con que o mar devolva o corpo do seu pai tras un naufraxio.

O filme está protagonizado por Thais García Blanco, veciña da Costa da Morte, onde se rodou a cinta, igual que os tamén debutantes Marco Antonio Florido Añón e María Villaverde Ameijeiras. Acompáñaos a actriz catalá Núria Prims e o galego Lois Soaxe, canda outros actores non profesionais da zona.

Fuente Crtvg.es