Un ano máis, a CRTVG colabora co programa ’21 días co galego e +’ para promover o galego fóra das aulas

0
6

Santiago, 31.01.2022.- A CRTVG participa, un ano máis, no programa educativo ‘21 días co galego e +’, que desenvolve a Secretaría Xeral de Política Lingüística para promover o uso do galego oral entre a xente nova, dentro e fóra dos centros de ensino. Coordinados pola profesora Pilar Ponte, o espazo da Radio Galega ‘Galicia por diante’ e o #DígochoEu colaborarán desde este martes na cuarta edición, en que interveñen doce centros das catro provincias galegas, de ESO e primaria, e que ten por lema ‘Creando en galego no século XXI’.

De luns a venres, o magazine ‘Galicia por diante’ da RG (ás 13:00 horas) disporá dunha sección para conversar sobre o proxecto cos centros de ensino participantes.

#DígochoEu emitirá encontros nos doce colexios participantes

O proxecto sobre lingua #DígochoEu da CRTVG, pola súa parte, ofrecerá encontros coas persoas responsables desta ducia de centros, e o alumnado destes colexios realizará vídeos propios co formato do #DigochoEu.

‘21 días co galego e +’ ten a súa orixe na experiencia didáctica ’21 días co galego’, que botou a andar no IES da Pobra do Caramiñal en 2013, da man da profesora Pilar Ponte. A Secretaría Xeral de Política Lingüística quixo dar un paso máis e exportou a iniciativa a outros centros educativos. Na edición de 2022 participan: CPI de Atios en Valdoviño, CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco, CPR Plurilingüe Esclavas Sagrado Corazón de Jesús na Coruña, IES David Buján de Cambre, IES Monte Castelo de Burela, IES Lucus Augusti en Lugo, CPI Virxe da Saleta de Cea, CPR Plurilingüe Concepción Arenal de Ourense, IES de Meaño, IES Valadares de Vigo, IES de Barro e CPI Manuel Suárez Marquier do Rosal.

‘21 días co galego e +’ naceu coa votade de implicar por completo a mocidade para que fale máis o galego e perfeccione o seu uso en todos os ámbitos, coa intención de chegar, mediante a dinamización lingüística, a toda a sociedade.

Fuente Crtvg.es