As voces harmónicas de Mocedades e Golden Apple Quartet, esta noite, en ‘Luar’

0
7

Santiago, 31.01.2020.-  O espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Beatriz Serén contará esta noite coas actuacións de dous dos grupos históricos da música española que máis destacan coas súas harmonías vocais: Mocedades e Golden Apple Quartet. Tras máis de 50 anos de traxectoria musical, o grupo Mocedades, con Izaskun Uranga á fronte, lembrará algúns dos seus éxitos, como o tema ‘Eres tú’, que lles outorgou no Eurovisión de 1973 a segunda posición. O humor e as características voces a cappella son o distintivo de Golden Apple Quartet, que presentaron este mes un disco en homenaxe ao grupo Los Xey, onde versionan 16 dos seus temas máis coñecidos.

As pandeireteiras Tanxugueiras, toda unha revolución da música tradicional galega, compartirán escenario con Xabi Aburruzaga, músico vasco coñecido como o mestre da ‘trikitixa’ (acordeón), que presentará o seu novo e quinto disco ‘Bost’, para o que conta coa colaboración da banda galega.

Outras protagonistas da noite serán a cantautora galega Carolina Rubirosa e Julia Baird, irmá do célebre músico John Lennon, que cantarán o tema ‘O teu camiñar’. Ambas interveñen nun vídeo musical para promover o Camiño Inglés de cara á celebración do Xacobeo 2021 con esta canción composta por Rubirosa.

A orquestra Israel, o cantautor noallés Manuel Míguez, a ex-recanteira Charo Martínez, coñecida tamén por amenizarlles o traballo ás outras mariscadoras de Cesantes coas súas coplas e rancheiras, a música tradicional de Os Chavellos de Pereiras, a escola da agrupación folclórica Colexiata do Sar, e Hermanos Cosío e Coral Torre de Obeso, completan o elenco artístico convidado este venres en ‘Luar’ (22.05 h).

As intervencións humorísticas correrán a cargo do dúo Brandariz e Veiga e, como é costume, desenvolverase unha nova edición do concurso ‘Recantos’, en que A China, en representación da Arousa, e Leshka, polas terras de Lugo, competirán coas súas voces.

Fuente Crtvg.es