‘Atrápame se podes’ comeza este xoves unha serie de edicións especiais de Nadal, con famosos da TVG e rapaces como concursantes

0
16

Santiago, 22.12.2022.-   ‘Atrápame se podes’ comeza hoxe unha serie de edicións especiais de Nadal, en que se someterán ás preguntas de Paco Lodeiro cinco caras moi coñecidas para os espectadores. A cantante e membro do ‘Land Rober’ Eva Iglesias, a actriz e ‘maliciosa’ Lucía Veiga, o presentador da TVG Arturo Fernández, o actor Adrián Castiñeiras e Noly, da orquestra Los Satélites, concursarán os días 22 de decembro, Noiteboa, Nadal e nas xornadas do 27 e 28 de  decembro, nunha serie de programas cheos de preguntas e solidariedade.  

Os programas especiais terán un bote solidario. Deste xeito, o da versión normal do programa, que xa supera os 66.000 euros, volverá a partir do 7 de xaneiro. Pola súa parte, os vencedores das edicións de Nadal doarán o premio, cuxas contías diarias serán maiores que as habituais estas festas. Partirase de 1.500 euros e, en cada xornada, Paco Lodeiro ‘arrimará’ outros tantos. Deste xeito, entregaranse en cada edición, como mínimo, mil euros a cinco entidades benéficas: a Federación Galega de Bancos de Alimentos, Down Galicia, a Federación Galega de Dano Cerebral, Stop Accidentes e a Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos. De non entregarse o bote xerado nas cinco emisións, será repartido de forma solidaria entre todas. Polo tanto, os convidados famosos axudarán como mínimo con 9.000 euros no labor social destes organismos.

Ademais, o formato da Televisión de Galicia amplía estes días a súa duración cun karaoke, que terá que cantar o primeiro expulsado do concurso, e cun emocionante ‘Minuto final’: 60 trepidantes segundos para quen supere os xa míticos chanzos do ‘Atrápame’, en que terá que acertar cinco preguntas temáticas.         

E non rematan aí as novidades. Entre Aninovo e a noite de Reis serán os máis cativos os protagonistas do espazo. Un total de 25 nenas e nenos chegados de diferentes puntos do país concursarán no ‘Atrápame kids’, en quendas de cinco, por unha chea de agasallos que substituirán o bote habitual do programa. Os que gañen os chanzos optarán a unha videoconsola, pero ningún quedará sen regalo. Por vez primeira na historia desta produción, poderase ver a fase dos supostos, sección na que os concursantes terán que asociar unha serie de palabras coas definicións propostas polo presentador.

Fuente Crtvg.es