‘Bamboleo’ contará esta noite coa voz e a forza no escenario da gran Rosa López

0
10

Santiago, 02.10.2021.- ‘Bamboleo’ (22.35 h) chega esta noite á Televisión de Galicia cunha magnífica selección musical. Xosé Manuel Piñeiro contará hoxe cunha convidada que, pola súa voz e forza no escenario, é moi recoñecida no panorama musical español: a gran Rosa López. A cantante granadina presentará o seu novo traballo, un sinxelo que se titula ‘Hablemos de amor’ e que se incorpora á longa lista de éxitos de Rosa López, en que figuran temas que marcaron a carreira profesional da cantante, como ‘Vacío’, que tamén interpretará hoxe sobre o escenario do programa.

‘Bamboleo’ contará ademáis coa presenza da banda galega Ruxe Ruxe, que celebra o seu 25 aniversario cunha xira moi especial. Ademais, os incondicionais da verbena están de sorte, xa que esta noite o estudio contaxiarase do característico ‘swing’ e dos ritmos latinos da orquestra El Combo Dominicano. Pola súa parte, Joan e Mery serán os protagonistas do espazo reservado ao baile. Especialistas en ritmos latinos e con varios títulos mundiais, esta parella, que chega de Madrid, realizará dúas exhibicións de bachata.

Covadonga de la Rúa e Alejandro Pita serán os participantes do ‘Agora ou Nunca’. Interpretarán ‘Eloise’, de Tino Casal, e ‘Lágrimas desordenadas’, de Melendi, respectivamente.
     
Nesta ocasión, o tema escollido para o karaoke de ‘A Jrileira’ é ‘Magia’, de Álvaro Soler. Xoán, do Club Deportivo Cospeito, e Ana, do Club Atletismo Riazor Coruña, entoarán o tema e a continuación tratarán de gañar puntos acertando intérpretes de cancións.

A sección ‘A ITV do amor’ porá a proba unha parella de namorados, que para gañar o premio deberá xogar moi ben ao despiste. Iso, ademais de aturar os chistes dos colaboradores do programa, que, coñecendo a Damián, a Tamara e a Isi, seguro que non deixan pasar unha.

Fuente Crtvg.es