Boyanka Kostova e Camela chegan esta noite a ‘Luar’ con novos discos

0
8

Santiago, 26.06.2020.-  Xosé R. Gayoso conectará esta noite coa audiencia de ‘Luar’ (22.05 h), en directo, desde a aldea O Rial, en Brión, onde o popular presentador se desprazou para coñecer a obra de Borja Ínsua, titiriteiro, labrego e escultor especializado na talla de madeira, que realizou unha serie de espantallos expostos agora nunha leira. O espazo, sempre moi pendente das distintas expresións artísticas que xorden no noso país, contará no estudio coas presentadoras Beatriz Serén e Patricia F. Santana, que darán paso ás primeiras actuacións musicais da noite.    

Así, o pioneiro do trap en galego, o dúo compostelán Boyanka Kostova, ofrecerá este venres unha boa mostra da súa música, coa que irrompe con éxito e revoluciona o panorama musical alternativo de Galicia. Hoxe presentan ‘Os dous de sempre’, un novo disco transgresor en que fusionan trap e muiñeira, co seu primeiro sinxelo ‘Muinheira de interior’ .

Pola súa parte, Camela regresa á escena musical e tamén presenta en ‘Luar’ o seu novo sinxelo ‘Su locura, mi placer’, un tema en que o dúo formado por Dioni Martín e Ángeles Muñoz lle canta de novo ao amor. Amais, falarán do seu libro ‘Camela por Camela. La banda sonora de nuestra vida’, acabado de publicar, onde contan o segredo do seu éxito e a súa historia.

O grupo salmantino Entavía achega esta noite en ‘Luar’ a súa musicalización a ritmo de panadeiras de ‘Hez del lago de Sanabria’, un texto extraído da obra San Manuel bueno mártir, de Miguel de Unamuno, en homenaxe ás vítimas da traxedia da presa de Vega de Tera, en 1959.

A cantante viguesa María Costas, a música e o baile tradicional da Asociación Folclórica Traspés, de Vigo, e os sons bailables da orquestra Cinema, completan o elenco artístico desta semana.

Os presentadores contarán, a maiores, no estudio coas intervencións do músico e luthier Pablo Carpintero e do coleccionista Juan Carlos Villar Angeriz, un apaixonado da gasosa; co humor do dúo Brandariz e Veiga e de Cuqui, colaborador do programa que ofrecerá un novo monólogo cómico. Pola súa parte, os espectadores volverán ter a oportunidade de facerse co bote do concurso telefónico, que esta semana parte con 3.000 euros e poderán gañar xamóns coas adiviñanzas que proporá ‘Luar’. E no certame Recantos participarán Ruth Cundíns, de terras de Compostela, e Alberte Suárez, en representación de Ourense norte.

Fuente Crtvg.es