Budiño, Karina e a Panorama, protagonistas dun ‘Luar’ en que pode haber ‘repesca’ de concursante en ‘Recantos’

0
15

Santiago, 07.05.2021.-  O gaiteiro, compositor e intérprete Xosé Manuel Budiño será un dos protagonistas este venres en ‘Luar’ (21.55 h). O moañés, un dos artistas máis innovadores da escena folk galega, presentará, entre outros temas, xunto ao músico Pablo Novoa, ‘Ollos de sal’, o primeiro sinxelo do seu próximo disco, ‘Diario de navegantes’.

Esta noite volve subir ao escenario da TVG a cantante Karina, para ofrecer algunhas das súas cancións máis coreadas e bailadas, éxitos dos anos sesenta e setenta, que encherán de nostalxia e bo ambiente cada unha das súas actuacións.

E se se fala de festa, unha das formacións máis aclamadas polos galegos e desexadas en toda verbena é a orquestra Panorama, que hoxe dará boa mostra da música, da posta en escena e da diversión que levan nos seus espectáculos.

Completan o elenco de artistas convidados o cuarteto compostelán Ailá, grupo folk seleccionado para representar a Galicia no Celtic Connection 2020 e un dos gañadores do premio Interritmos 2020, e os membros do grupo de baile e gaitas Santaia.

No certame ‘O mellor DECADA casa’ veranse as actuacións singulares de María Mera, que encarna a década dos 00, e Lucía Veiga, dos anos 40, interpretando dous referentes deses anos: ‘Non podo vivir sen ti’ e ‘Quizais, quizais, quizais’, respectivamente.

Este venres haberá dobre entrega de ‘Recantos’. Un dos momentos destacados da noite producirase coa posible ‘repesca’ dunha concursante do certame. Dúas das aspirantes que obtiveron menos puntos en anteriores etapas do concurso, Raquel Meleiro, de Vigo, e Jioa, de Terras de Lugo, competirán de novo para volver aos oitavos de final da liguiña. Exercerán de xurado seis integrantes de ‘O mellor DÉCADA casa’ e o público poderá votar vía Facebook, Twitter e Instagram. E a maiores, continuará a competición regular do concurso de novos talentos, con Fernando Hernández, de Terras da Coruña, e Belehm, de Lugo Sur, en dura competición por situarse nos primeiros postos da clasificación.

Finalmente, no apartado do humor destaca a divertida intervención de Paco e Pepe e o bote do concurso telefónico conta hoxe con 7.500 euros de premio.

Fuente Crtvg.es