Cancións contra a violencia de xénero, nas voces de Rosa Cedrón e Huecco, esta noite en ‘Luar’

0
35

Santiago, 25.11.2022.-    O programa ‘Luar’ terá esta noite como leitmotiv o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que hoxe se celebra. Con este motivo, os espectadores escoitarán cancións relacionadas con esta eiva, como a icónica ‘Benditas feridas’, da cantante, violonchelista e compositora monfortina Rosa Cedrón, unha das voces máis recoñecidas do panorama musical galego, un referente no ámbito da cultura galega pola súa voz e a súa traxectoria desde o folk máis puro ata á world music que marcou os últimos anos da súa carreira en solitario.

O espazo da TVG tamén contará hoxe coa presenza de Huecco, cantante que fusiona e mestura unha gran cantidade de xéneros e estilos musicais. Nas súas cancións aprécianse toques e influencias que van desde o rock ata a rumba, pasando polo pop, o mambo, o ska ou o hip-hop. O artista interpretará ‘Se acabaron las lágrimas’, tema que hai anos formou parte dunha campaña contra a violencia de xénero.

Ademais, Gloria Cespón, unha das participantes no concurso ‘Recantos’, interpretará ‘A porta violeta’, de Rozalén, unha canción convertida xa nun himno contra a violencia machista. Nesta edición do concurso tamén participará hoxe Nerea Brecht, representante da comarca do Miño.

O espectáculo continuará no programa deste venres coas actuacións do versátil e transgresor showman Javier Gurruchaga. O artífice da Orquesta Mondragón, unha das formacións musicais pioneiras na fusión da música e o teatro en España, animará a noite co seu repertorio sempre cargado de humor.

O espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Trisha Fernández tamén contará coa música de Wöya & The Galician Messengers, a nova proposta da artista galega que, cunha intensa traxectoria en xéneros musicais de raíz negra, hip hop, soul e gospel, comeza unha nova andaina. A súa singular interpretación, en fusión cos distintos estilos que dan forma a esta agrupación, conseguen crear unha atmosfera única que actualiza a tradición, emociona e inspira.

Completan o cartel musical deste 25 de novembro as actuacións da orquestra Galilea, da Banda de Gaitas Queiroa e da Escola de Baile e Música Tradicional Rebulir.

Fuente Crtvg.es