Cartel de luxo en ‘Luar’, coa gran final de ‘Recantos de ouro’ e os novos sons de Luar na Lubre, Soraya e Bombai

0
10

Santiago, 10.07.2020.-  ‘Luar’ (22.05 h) vístese esta noite de longo para celebrar a gran final de ‘Recantos’, denominado esta tempada ‘Recantos de ouro’, xa que os participantes foron unha escolma das 20 mellores voces que pasaron polo concurso ao longo de nove anos. As grandes aspirantes a proclamarse hoxe gañadoras son Ruth Cundíns, de Terras de Compostela, e Maite, da zona de Noia-A Barbanza. Nesta cita tan especial, Xosé R. Gayoso e Beatriz Serén darán paso, amais, a un destacado elenco de artistas galegos e de fóra que porán o ramo a esta edición única do certame de talentos da canción. Pola súa parte, Patricia F. Serén sorprenderá os espectadores cunha curiosa iniciativa que achegará en directo desde Montecelo.

Tanto Maite coma Ruth Cundíns son coñecedoras do que supón pasar por unha final de ‘Recantos’, posto que as dúas quedaran segundas nas súas respectivas edicións. Coñecidas as súas calidades vocais, esta vai ser unha final moi rifada, en que, ademais, están en xogo 5.000 euros de premio para a gañadora e unha dotación económica de 2.000 euros para a subcampioa. Nesta ocasión, Ruth Cundíns intentará mudar a sorte coa interpretación de ‘O meu corazón seguirá’, tema principal da película ‘Titanic’; mentres que, Maite quererá triunfar tamén con ‘Vivo por ela’, canción dedicada á música, que fixeron emblemática Andrea Bocelli e Marta Sánchez. Finalmente, xuntas interpretarán a dúo ‘Aleluia’, de Leonard Cohen. O xurado estará formado por Fátima Pego, Tania Veiras e Manuel Deandrade.

Respecto ao electo de artistas convidados a ‘Luar’, o grupo galego Luar na Lubre presentará esta noite os temas do seu novo disco ‘Vieiras e vieiros, historias de peregrinos’, un traballo co que a recoñecida formación ponlle banda sonora ao Camiño de Santiago. Haberá máis novas musicais, coma o lanzamento do tema que cantan a dúo Soraya e Bombai, ‘Lo bueno’, unha proposta fresca e divertida para bailar este verán.

Os espectadores poderán coñecer tamén a Rocío Varela, a triunfadora do concurso ‘Este verán canta con nós’ da CRTVG, e o seu tema gañador ‘A maxia está en ti’, que pon a banda sonora á TVG durante o verán.

Completan o elenco deste venres, as actuacións do cantante Enrique Miramontes, da asociación cultural Donaire, do histórico líder do grupo Queimada, Luis Queimada, e do grupo de coros e danzas Montaraces y Charros, de Salamanca.

Os presentadores contarán, a maiores, no estudio coas intervencións do músico e luthier Pablo Carpintero e co humor do dúo Brandariz e Veiga e de Cuqui, que ofrecerá un novo monólogo cómico. Pola súa parte, a audiencia volverá ter a oportunidade de facerse co bote do concurso telefónico, que esta semana parte con 4.000 euros e poderá gañar xamóns coas adiviñanzas que proporá ‘Luar’.

Na foto, as finalistas de ‘Recantos de ouro: Maite (esquerda) e Ruth Cundíns.

Fuente Crtvg.es