Chega á TVG ‘Luar 30. Onde empezou todo’, un percorrido polos momentos históricos do programa

0
28

Santiago, 28.8.2022.-  Trinta anos ininterrompidos poñendo en valor a cultura galega é todo un fito do programa ‘Luar’ e un fito único na televisión en España. A TVG comeza este domingo a preparar a merecida festa do trinta aniversario facendo un repaso dos mellores momentos destas tres décadas cun programa especial: ‘Luar 30. Onde empezou todo’.

O 30 de setembro de 1992, a discoteca Dona Dana de Touro vía nacer o espazo de éxito dos venres á noite na TVG. Case tres décadas despois, en que o programa e o seu presentador, Xosé Ramón Gayoso, son todo un referente dos medios públicos, a Galega daralle a benvida a unha nova etapa de ‘Luar’, desde o plató 1.000, cunha festa por todo o alto, que reflectirá a relevante traxectoria musical e cultural pola que aposta o espazo de entretemento cada venres. Esta gala festiva ofrecerase o vindeiro 23 de setembro.

‘Luar 30. Onde empezou todo’, cos nosos grupos de música tradicional

Pero a TVG comezará a celebrar a meritoria efeméride este domingo á tarde coa estrea de ‘Luar 30. Onde empezou todo’, un programa de produción propia que percorrerá os momentos máis memorables da súa traxectoria e achegará moitos dos grupos claves galegos que pasaron polo seu escenario. Cada semana, este novo espazo achegará a evolución de formacións destacadas, que iniciaron as súas carreiras practicamente en ‘Luar’, como é o caso de Tanxugueiras, cunha primeira actuación no programa en 2017, así como entrevistas de Xosé Ramón Gayoso a moitos destes artistas.

‘Luar 30. Onde empezou todo’ achegarase, na súa estrea, aos inicios e á despregadura artística dalgunhas das nosas formacións de música tradicional máis destacadas, entre as que se sitúan: Treixadura, Tanxugueiras, Luar na Lubre, A Roda e Fuxan os Ventos.

En próximas emisións, ‘Luar 30. Onde empezou todo’ explorará algúns eventos creados polo programa, que van máis aló das súas achegas musicais, fenómenos que espertaron o interese de televisións de todo o mundo, como é o certame de ‘Miss Vaca’, ideado co obxectivo de apoiar e visibilizar o traballo do sector gandeiro en Galicia. Neste percorrido polos mellores momentos de ‘Luar’ tamén terán o seu oco os certames para a promoción de novos talentos, como ‘Recantos’ e ‘Vai de baile’, entre outros.

Fuente Crtvg.es