Chega á TVG o novo programa ‘Cousas da Casa’, que porá patas arriba os fogares máis desordenados de Galicia

0
14

Santiago, 12.04.2021.-   O estado do noso fogar é un reflexo directo do noso estado emocional e estilo de vida. Por iso, manter o lugar onde vivimos ordenado e en condicións óptimas pode ser o mellor punto de partida para un cambio máis profundo no persoal. Desfacerse de cousas que xa non utilizamos, aproveitar mellor o espazo que temos ao noso arredor e aprender as rutinas que nos permiten ‘limpalo’ do innecesario son os principais obxectivos do novo programa ‘Cousas da Casa’, que a TVG estrea este martes á noite.

Co entretemento, o humor e a sorpresa como ingredientes clave, esta nova aposta para a noite dos martes é un entretido docushow con pingas de reality, onde a coach Vanessa Travieso, especializada na organización e a orde, entrará nos fogares máis desordenados de Galicia para poñer patas arriba as súas vidas e súas casas, poñendo orde no caos e reconverténdoos así en lugares e persoas máis ‘sas’ e emocionalmente máis felices.

‘Cousas da Casa’ toma como principal referencia o famoso libro ‘La magia del orden’, de Marie Kondo, considerada pola revista ‘Time’ como unha das 100 persoas máis influentes do mundo, que vendeu máis de 5.000.000 de exemplares desta obra, publicada en máis de 30 países e traducida a máis de 24 linguas. Nela, Kondo afonda no seu método, unha arte que pretende conseguir unha vida máis feliz e harmoniosa a través da reorganización do fogar ou do espazo de traballo.

Por que gardamos con tanto celo obxectos sen valor aparente? Por que acumulamos? É unha calidade innata ou adquirida? Cal é a orixe do apego ás cousas que gardamos? Todas estas preguntas e moitas outras serán respondidas a medida que a experta do programa vaia abrindo as portas dos sentimentos dos protagonistas e as das súas casas, revisando armarios, cuartos, adegas… Seguro que atopará tesouros e marabillas, pero tamén tristeza, lembranzas e ausencias non superadas nas tres historias que cada semana presentará ‘Cousas da Casa’.

Unha vez presentados os protagonistas, a coach chegará á casa dos implicados e fará unha primeira análise da historia, deixando aflorar os seus sentimentos e inquedanzas antes de poñerse mans a obra. A continuación, os protagonistas terán que ir desfacéndose e ir analizando todos os obxectos e as razóns (ou falta de razóns) polas cales foron acumulados. Para iso, contarán cunha ‘desapiadada’ patrulla composta por familiares e amigos. Chegados ata aquí, abordarase a parte máis didáctica do programa: a reorganización e redecoración da casa segundo as ideas da experta. Neste punto, os espectadores poderán tomar nota de trucos, metodoloxías e rutinas para mellorar a relación coa contorna.

Na estrea de ‘Cousas da Casa’, Vanesa Travieso enfrontarase en Vigo ao enorme reto de poñer orde no armario dunha actriz, modelo ‘curvi’ e instagramer de moda, visitará en Santiago unha nai e unha filla que se acaban de mudar a un piso pequeno e estará no estudio dunha pintora de Poio que quere facer do seu obradoiro un espazo agradable e inspirador.

Fuente Crtvg.es