O documental ‘Memorial de Camposancos’ reconstrúe a historia do campo de concentración máis importante de Galicia

0
14

Santiago, 14.6.2022.-  Nunha nova noite de estrea documental, a G2 ofrece este martes ‘Memorial de Camposancos’ (23.25 h), un documental que, dirixido por José Ballesta e Miguel Anxo Fernández, que quere reconstruír a historia do campo de Camposancos e renderlle homenaxe aos seus presos mediante o testemuño dalgúns dos que sobreviviron e dos familiares dos que morreron. Todo isto, a través da memoria dos veciños e veciñas da Guarda, que, exemplarmente e na medida das súas posibilidades, paliaron as terribles condicións de amoreamento, enfermidade e maltrato que sufrían os seus compatriotas, leais ao goberno republicano, no interior daquel campo.

Na localidade galega da Guarda, fronte a Portugal, está Camposancos. E alí aínda se pode ver, con impoñente silueta á beira do río Miño, o vello edificio do colexio dos xesuítas, que foi durante máis de 50 anos (1875-1932) unha das institucións educativas de carácter privado máis importantes da Península, con ilustre nómina de alumnos e mestres e unha fulgurante traxectoria que, entre outras cousas, levouna a ser berce das actuais Universidades de Deusto e Comillas.

Na memoria máis recente do noso país, a palabra Camposancos representa dor e traxedia xa que, durante a Guerra Civil, as autoridades franquistas instalaron no colexio o campo de concentración máis importante de Galicia, centro de toda a armazón concentracionaria implantada no territorio.

É despois da caída da fronte norte, entre 1937 e 1938, cando o colexio, reconvertido á súa nova e sinistra función, recibe case 3.000 presos republicanos para a súa clasificación e, ao comezo, xuízo, pois chegou a desprazarse ao campo con este cometido o Tribunal militar primeiro de Asturias.
    
Os máis afortunados foron cumprir condena nas cadeas de Figueirido (Pontevedra) e Celanova (Ourense), fundamentalmente. A moitos dos condenados a morte fusiláronos no verán de 1938, moi preto do campo, no lugar hoxe ocupado por un sinxelo memorial de honra levantado pola iniciativa conxunta de galegos e asturianos. A outros, se cadra co obxecto de espallar o terror, leváronos a morrer a distintos lugares do sur de Galicia (Tui, San Simón-Redondela, Vigo, Ourense, etc.). Xamais se saberá con certeza cantos outros morreron sen xuízo sequera, vítimas dos paseos, dos intentos de fuga, das enfermidades, dos ‘accidentes’.

Fuente Crtvg.es