Chega este martes á G2 o novo programa ‘Grazas á vida’, en que os espectadores coñecerán as historias de persoas con grande experiencia

0
23

Santiago, 10.01.2023.-    A G2 estrea esta tarde, dentro do contedor ‘Retrincos de Galicia’, dedicado a espazos sociais e culturais, o programa ‘Grazas á vida’, onde os protagonistas son homes e mulleres que xa pasan da idade de xubilación e, polo tanto, cunha importante carga de experiencia na vida, que queren manifestar o seu agradecemento por todo o vivido.

Os espectadores coñecerán as súas vidas a través dos lugares máis transcendentais onde estas se desenvolveron. En cada programa, ‘Grazas á vida’, que se emitirá de martes a venres ás 17:30 h, contará  con dous protagonistas e ambos irán xuntos coñecer os lugares que cada un escolleu para contar a súa vida.
  
No primeiro programa, os protagonistas serán Loli Hernández, que naceu no barrio mariñeiro do Berbés, en Vigo, formou parte do grupo de música tradicional Cantadeiras do Berbés e participa na organización da Festa da Reconquista de Vigo, e Antonio García Teijeiro, tamén vigués e  un dos máis recoñecidos autores da literatura infantil e xuvenil en lingua galega. Acadou o Premio Nacional de Poesía Infantil e Xuvenil e, na súa xuventude, foi porteiro de balonmán.

Fuente Crtvg.es