Chega este venres ao programa ‘Clac’ a película ‘Cela 211’, o éxito comercial máis importante do cinema galego

0
16

Santiago, 13.01.2023.-   Esta semana chega a ‘Clac’ (23.10 h), o espazo cinematográfico da G2, o éxito comercial máis importante do cinema galego e un dos privilexiados do cinema español, por superar a cifra dos dous millóns de espectadores e 15 millóns de euros de recadación: ‘Cela 211’, unha película realmente especial para a industria de produción galega.

O filme baséase nunha vigorosa novela escrita polo xornalista Francisco Pérez Gandul e, con Luís Tosar como protagonista, obtivo oito premios Goya, incluídos o de mellor película e mellor actor. Ademais, estivo na terna final dos filmes españois seleccionados para os Oscar.

A película, que se rodou en 2008, conta a historia dun funcionario de prisións que, no seu primeiro día de traballo, queda atrapado no medio dun motín. Para sobrevivir, ten que facerse pasar por preso, polo ocupante da cela número 211, nun cárcere onde reina o carismático personaxe de Malamadre.

Para falaren de ‘Cela 211’, visitarán ‘Clac’ Emma Lustres e Borja Pena, produtores da película e cabezas visibles da empresa coruñesa Vaca Films. No coloquio moderado pola presentadora do programa, Tania F. Lombao, Lustres relatará como Vaca Films coñeceu o libro que inspira o filme e o xeito no que se fixeron cos dereitos. Así mesmo, exporá a importancia deste papel para a consolidación de Luís Tosar como un dos principais actores do cinema español. Pola súa parte, Borja Pena revelará curiosidades e anécdotas relacionadas co cárcere no que se desenvolveu a rodaxe e das persoas que actuaron como figurantes, ademais de datos relacionados co orzamento do filme. Así mesmo, o programa fará foco no subxénero cinematográfico de cárceres e as súas características.

Fuente Crtvg.es