Chega este venres aos cines a nova película de Dani de la Torre, ‘Live is life’, participada pola TVG

0
23

Santiago, 02.06.2022.-    Este venres chega ás salas de cine de toda España ‘Live is life’, a nova película do director monfortino Dani de la Torre, un filme de acción e aventura xuvenil, con guión de Albert Espinosa e apoiada pola Televisión de Galicia, dentro do coñecido como o cumprimento do 6%. Trátase da última estrea dunha película participada pola TVG dentro das súas accións de apoio ao audiovisual galego, en que se inclúen anualmente longamtraxes e documentais.

O director de ‘O descoñecido’ e ‘A sombra da lei’ cambia radicalmente de ton e rexistro nesta nostálxica cinta, coa que lle rende un tributo ao cine dos 80 e se inspira en filmes como ‘Os Goonies’ para seguir as aventuras dun grupo de adolescentes na Ribeira Sacra durante o verán de 1985. Como cada ano, Rodri deixa Cataluña e volve á vila dos seus pais para reencontrarse coa súa panda. Porén, este ano é distinto para el e os seus amigos. Os problemas do mundo real comezan a aparecer nas súas vidas ameazando con separalos. Aferrándose á amizade que os une, os cinco amigos escapan a noite de San Xoán na busca dunha flor máxica que, segundo conta a lenda, medra no alto dunha montaña e pode facer que os desexos se fagan realidade.

Os actores noveis Adrián Baena, Juan Manuel del Pozo, Raúl del Pozo, David Rodríguez e Javier Casellas interpretan os cinco protagonistas desta historia de aventuras, que narra un deses veráns que non se esquecen, o que marca o paso da nenez á xuventude.

‘Live is life’ rodouse no verán de 2020, en plena pandemia, coa maioría das localizacións na Ribeira Sacra lucense, incluíndo Pantón, Sober, Quiroga, O Saviñao e Monforte de Lemos, a localidade natal do director, e tamén en Esgos, na provincia de Ourense.

O novo filme de De la Torre chega por fin aos cines despois da súa presentación en xuño do ano pasado no Festival de Málaga, da súa participación na 26ª edición do OUFF, da súa estrea anticipada en Monforte en novembro de 2021 e da súa preestrea oficial este luns en Madrid.

Durante os últimos meses, ademais de rodarse en Ourense as longametraxes ‘Honeymoon’, unha roadmovie dirixida por Enrique Otero e con Javier Gutiérrez como protagonista, e ‘O home e o can’, a nova película de Ángel de la Cruz, con Manuel Manquiña no papel principal, chegaron tamén aos cines o filme de Ignacio VilarMaria Solinha’, versión contemporánea da lenda dunha figura visionaria que se converteu en símbolo feminista, e o documental ‘O Gran Camiño’, narrado en primeira persoa por Alba Prol e Raúl García, unha parella de novos cineastas que decide cargar as súas cámaras nas mochilas para emprender unha aventura de milleiros de quilómetros polas grandes rutas a pé do mundo. Todos eles contaron coa participación da TVG.

Fuente Crtvg.es