‘Clac’ programa este venres na G2 ‘Os fenómenos’, un drama social sobre o esplendor e a decadencia do ladrillo, con Lola Dueñas como protagonista

0
8

Santiago, 08.10.2021.- O cinema galego será protagonista un venres máis na G2 cunha nova edición do programa ‘Clac’ (22.55 h), dirixido e presentado pola xornalista Tania Fernández Lombao, que a semana pasada comezou a súa segunda temporada. O título que poderán ver esta noite os espectadores é ‘Os fenómenos’, a segunda longametraxe de Alfonso Zarauza, que conseguiu os premios Mestre Mateo á mellor película, mellor guión e mellor director.

O filme ten como argumento a vida dunha muller que vive nunha furgoneta en Almería e, tras sufrir diversos vaivéns na vida, decide abandonar a vida nómade e regresar co seu bebé á súa vila natal, a unha aldea preto de Ferrol. Despois de atravesar varias dificultades, procura refuxio e estabilidade cun traballo como peón de albanel e destácase como un exemplo para todos. A película conta coa participación de actores da categoría de Luís Tosar, Lola Dueñas, Miguel de Lira, Juan Carlos Vellido, Antonio Durán ‘Morris’, Federico Pérez e Xosé A. Touriñán.

Trátase dunha crónica moi realista, amarga, da crise económica de 2008, que afectou duramente o sector da construción. Con pingas de humor, este drama social fala do esplendor e decadencia do ladrillo a través do personaxe interpretado por Lola Dueñas. Fuxindo dun pasado tormentoso simbolizado no personaxe de Luís Tosar, a protagonista vese obrigada a traballar xunto a unha cuadrilla de obreiros alcumados ‘Os fenómenos’ pola súa capacidade para levantar metros cadrados.

Tania F. Lombao falará de ‘Os fenómenos’ co seu director Alfonso Zarauza, que explicará como xurdiu a idea deste filme que se parece pouco a outros que ten dirixido e tamén analizará a similitude co cinema social inglés, e do actor Miguel de Lira, que lembrará anécdotas simpáticas do proceso de preparación do seu personaxe.
 
Cunha periodicidade semanal, o espazo de cinema da canle pública galega desenvolve en cada emisión un coloquio con membros do equipo da película seleccionada e despois da conversa emítese o filme. Realizado no estudio 5 de San Marcos, ‘Clac’ inclúe tamén unha sección con información da actualidade cinematográfica e da carteleira e conta coa colaboración do experto en cinema e compañeiro dos medios públicos galegos Eduardo Galán

Fuente Crtvg.es