‘Clac’ trae hoxe ‘O sexo dos anxos’, unha comedia romántica arredor dun triángulo amoroso

0
11

Santiago, 04.02.2022.-  ‘O sexo dos anxos’, a cinta protagonista hoxe na G2 do espazo de cinema ‘Clac’ (22:55 h), é a cuarta longametraxe dirixida por Xavier Villaverde, rodada nos primeiros meses de 2011 en Barcelona, Mataró e Cerdañola. Esta película, participada pola Televisión de Galicia, conta a azarosa historia de amor triangular dunha rapaza e dous rapaces. Tres vidas novas que teñen que enfrontarse a un mundo hostil, cheo de trampas, contradicións e convencións sociais que atacan a súa relación.

O filme contou con tres actores de fóra de Galicia, que daquela comezaban a ser coñecidos. Trátase de Astrid Bergés-Frisbey, Álvaro Cervantes e Llorenç González. No elenco tamén conta cun papel destacado a actriz galega Sonia Méndez.

Pevia á proxección do filme, a presentadora Tania F. Lombao e o colaborador e experto en cinema Eduardo Galán contarán para o coloquio coa participación do director da película, Xavier Villaverde, que falará de como xurdiu a historia de amor triangular que relata a película e a forma en que foi recibida esta proposta no momento da estrea, quizais pouco entendida a visión utópica da relación. Así mesmo, ofreceu datos sobre a rodaxe e os protagonistas. Tamén se tratará sobre a filmografía de Xavier Villaverde e a súa teima sobre os temas relacionados coa familia. Tamén intervirá no programa a actriz Sonia Méndez, que explicará como foi a rodaxe en Cataluña e en catalán e exporá como preparou o papel.

‘Clac’ e ‘O sexo dos anxos’ poderase ver tamén na TVG ao día seguinte, o sábado pola noite.

Fuente Crtvg.es