Con ‘A miña querida pandeireta’, a TVG achégase na tarde de Aninovo ás orixes e á evolución deste instrumento

0
30

Santiago, 01.01.2022.- A pandeireta, un dos instrumentos musicais máis ligados á tradición galega, será a protagonista do ‘Evento G’ (19.00 h) que a TVG ofrecerá na tarde de Aninovo, titulado ‘A miña querida pandeireta’ e presentado por Arturo Fernández e Alba Mancebo.

O programa amosará moitas historias que hai detrás deste instrumento: as de nenos e nenas ensaiando durante horas nas asociacións e das de pais indo elixir as máis fermosa para os seus fillos. Tamén se recuperarán as historias de grandes cantareiras e pandeireteiras que xa non están con nós, pero que deixaron pegada na Televisión de Galicia, como Felicia, Aurea de Laxoso ou a mítica Concha de Luneda. Ademais, os espectadores comprobarán como cambiaron os tempos coas pandeiretas.

Como non podía ser doutro xeito, polo escenario desfilarán grupos e artistas ligados a esta tradición, como Baiuca e Aliboria, unha das formacións de máis éxito neste momento en Galicia; Tanxugueiras, tres mulleres que levan uns anos revolucionando o mundo da pandeireta e do canto, ata o punto de postularse como candidatas ao Festival de Eurovisión; Leilía, un dos primeiros grupos que se lanzou a recoller pezas, alá polo ano 1989; Arco da Vella; Faltriqueira; Madialeva e Davide, Fransy e Cibrán.

Ademais, ‘A miña querida pandeireta’ contará coa presenza de Emilio Romero, construtor de pandeiretas, que explicará as súas orixes, e de Sanín, un artesán que nos anos 80 contribuíu a democratizar este instrumento e que estivera dispoñible nas tendas de toda Galicia.

Fuente Crtvg.es