Despois do descanso do Nadal, o fútbol de Primeira e Segunda RFEF volve esta fin de semana aos medios públicos galegos

0
19

Santiago, 06.01.2023.-    Tras a parada do Nadal, o fútbol de Primeira e Segunda RFEF regresa esta fin de semana pola porta grande aos medios públicos galegos, en que tamén será protagonista o fútbol sala feminino.

A primeira cita en directo será o sábado ás 17.00 h, cando o Celta B retomará a competición cun derbi de altura en Balaídos ante o Rácing de Ferrol, partido corresponde á penúltima xornada da primeira volta en 1ª RFEF. Os de Claudio Giráldez volven ao traballo despois de vencer o Unionistas no último partido de 2022, en que asinaron a súa segunda vitoria consecutiva. Pola súa parte, os ferroláns foron de máis a menos ao longo da temporada, pero mantéñense na zona de playoff, actualmente con 30 puntos, a seis do líder e con sete de distancia respecto ao seu rival de hoxe.

A continuación, ás 19.00 h, a G2 e a web da CRTVG centrarán a súa atención no campionato feminino de fútbol sala, cuxa primeira xornada de 2023 está marcada polo derbi local entre o Marín Futsal e o Poio Pescamar, dous equipos en dinámicas moi diferentes pero repletos de individualidades que poderían decantar a balanza do encontro en calquera dirección.

A xornada do domingo comezará con fútbol de Segunda RFEF, concretamente, co partido Ourense C. F.-R. Valladolid Promesas (12.00 h). Os ourensáns retoman a competición cun compromiso de máxima esixencia ante o cuarto clasificado.

Pola tarde, a partir das 17.00 h, os espectadores poderán ver outro encontro desta categoría: o Coruxo F. C.-Bergantiños. Situado en oitava posición, a só dous puntos do quinto clasificado, o Coruxo ten unha materia pendente para esta segunda parte da temporada: mellorar o seu rendemento como local, xa que o conxunto de Jacobo Montes é un dos peores do Grupo I na casa, cun único partido gañado esta temporada no campo do Vao.

Finalmente, a segunda canle da Galega e crtvg.gal ofrecerán, ás 19.00 h, o R. C. Deportivo-Unionistas de Salamanca C. F., correspondente á penúltima xornada da primeira volta en Primeira Federación. O Dépor encara este compromiso na cuarta posición do Grupo I, con 32 puntos.

Fuente Crtvg.es