Destacadas competicións de remo e motocrós, en directo, esta fin de semana nos medios públicos galegos

0
14

Santiago, 5.8.2022.-  A oferta deportiva dos medios públicos galegos comeza este sábado no concello ourensán de Castrelo de Miño, coa transmisión en directo da Coupe de la Jeunesse (10.55 h, G2 e G24.gal), unha das probas máis importantes do calendario europeo de remo, entre atletas con idades comprendidas entre os 16 e os 18 anos. Creada en 1985, nesta competición de remo internacional participan uns 400 deportistas e máis de 120 embarcacións procedentes de 16 países europeos.

As máximas competicións de traiñeiras volven ser protagonistas esta fin de semana na Galega, que ofrece o sábado a 35 edición da Bandeira de Hondarribia, novena proba da Liga Euskotren e décimo primeira da Eusko Label, cuxa clasificación lidéraa a embarcación anfitrioa. A proba feminina comezará ás 17.35 h e a masculina, ás 18.05 horas.

Ao día seguinte, a G2 e a g24.gal volverán ser testemuñas da 13 Bandeira de Getaria, cuxo club de remo é a revelación nesta temporada en que debuta na máxima categoría. Poderase seguir en directo a proba feminina, ás 11.35 horas, e a masculina, ás 12.05 horas.

Á marxe do remo, este domingo ofrecerase pola G2 e a G24.gal o MXGP de Suecia (14.00 e 17.00 horas), un novo gran premio do emocionante Campionato do Mundo de Motocrós. Despois de sufrir unha caída e unha operación que non o deixou participar no G. P. de Lommel, Rubén Fernández chega á pista sueca de Uddevalla en boas condicións. Malia a súa ausencia no premio de Lommel, o vigués mantén a sexta posición na xeral, mentres que o lucense Jorge Prado, nun terceiro posto, asiste a esta proba co bo recordo da súa proclamación como campión do mundo de MX2 en 2019. Tim Gajser é o líder da clasificación xeral, cunha vantaxe de 122 puntos sobre o seu rival máis próximo, Jeremy Seewer.

Fuente Crtvg.es