Diversión e música de baile, esta noite na G2, no novo concerto do ‘Galicia Emerxe’ con Novedades Carminha

0
15

Santiago, 09.06.2021.-  Novedades Carminha é a protagonista dun novo concerto do ciclo ‘Galicia Emerxe’, que a G2 ofrece esta noite, ás 00:00 horas. A banda compostelá, destacada no panorama musical independente e avaliada por variados recoñecementos, ofrecerá unha ducia dos seus éxitos máis bailados e das cancións máis recentes do seu repertorio, entre as que se atopan ‘Que Dios reparta fuerte’, ‘Te quiero igual’, ‘Ya no te veo’ ou ‘Verbena’, estas últimas recollidas no seu último disco ‘Ultraligero’.

Con catro discos nas rúas e 13 anos de traxectoria como grupo, Novedades Carminha é un dos grandes talentos do indie galego, que inunda os seus discos de diversión e de música de baile, cuxos ritmos se moven entre a cumbia, o dancehall, dub, hip hop, pop vacilón e músicas urbanas.

Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola segunda canle da Galega, e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h), amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h). Ademais, os espectadores poderán ver todos os concertos xa emitidos na páxina da CRTVG.

No ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, gravados no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, contarase nas vindeiras semanas coa música de Triángulo de Amor Bizarro, Susana Seivane, Uxía, Eladio y los Seres Queridos e De Vacas, entre outros.

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’ no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.

Fuente Crtvg.es