Domingo de emocións no ‘Galicia en Goles’ coas retransmisións do Celta-Barcelona e Deportivo-Castellón

0
30

Santiago, 01.06.2023.-    O mes xuño comeza con emocións fortes na programación deportiva da Radio Galega. O venres, desde as 20.30 h, a primeira edición do ‘Galicia en Goles’ contará os terceiros partidos das eliminatorias de baloncesto e hóckey a patíns. O Básquet Coruña xoga en San Sebastián ante o Guipúscoa coa necesidade de gañar para forzar o cuarto encontro, que se disputaría o domingo na cancha vasca, nos cuartos de final polo ascenso á Liga ACB. Mentres, o Liceo visita o Calafell coa vantaxe de dous triunfos e coa opción de clasificarse para a final de Liga se consegue o terceiro, desta volta na cancha catalá.

O sábado, a partir das 15.00 h, a atención estará posta en Balaídos, onde o Celta B inicia o camiño de ascenso á Segunda División Profesional ante o Eldense. Mentres, o Rácing de Ferrol disputa en Amorebieta a ida da final de campións da Primeira RFEF. Ademais, o Vilalbés visita o La Calzada rioxano, no desenlace do ascenso á Segunda RFEF. O fútbol feminino terá cobertura co Granada-Deportivo, na ida da final de ascenso á Primeira División Profesional. As ligas de balonmán en Cangas e de fútbol sala en Burela, Poio e Padrón completarán a oferta de retransmisións do día.

O proxecto #GaliciaEnXogo terá presenza con varias entregas durante o día. Ás 13.00 h, Alfonso Pardo difundirá o Club Hípico de Baralla. A partir das 15.15 h, os xogos electrónicos chegarán ao público máis novo. E na última hora haberá tempo para a actualidade do motor e a información olímpica.

O domingo, a edición matinal comezará ás 12.00 h co seguimento do fútbol base en Vilagarcía de Arousa. Desde as 15.00 h, o ‘Galicia en Goles’ despregará as mellores coberturas para os partidos decisivos da temporada. Primeiro en Riazor, co partido de ida da semifinal de ascenso á Segunda División Profesional entre o Deportivo e o Castellón. Logo chegará en Balaídos o definitivo Celta-Barcelona, no peche da Primeira División. O equipo vigués continúa dependendo de si mesmo, pero de non derrotar o xa campión terá que estar pendente dos resultados noutros campos, especialmente do que faga o Valladolid no José Zorrilla ante o Xetafe. A partir das 23.00 h, os oíntes poderán escoitar os adestradores na sala de prensa e os especialistas de ‘Ao Contraataque’, que debaterán sobre o sucedido nos estadios galegos.

Fuente Crtvg.es