Dous formatos da TVG, ‘Desmontando Galicia’ e ‘Escapárate’, novas apostas das autonómicas

0
4

Santiago, 02.10.2020.-  Dous programas da Televisión de Galicia volveron espertar o interese doutras canles autonómicas. ‘Segredos-Desmontando Galicia’ e ‘Escapárate’ son as novas apostas elixidas para esta temporada por Telemadrid e Aragón TV, respectivamente, para a súa emisión no ‘prime time’.

‘Escapárate’, espazo de entretemento que propón adentrarse nas tendas de toda a vida que loitan por saír adiante, aterrou xa en Aragón TV, onde se emite os xoves na faixa nocturna, con destacado apoio de audiencia e comerciantes. Con cada entrega de ‘Escapárate’, que na versión aragonesa presentan dous recoñecidos deseñadores, Carmina Sanz e Pedro Abuelo, preténdese axudar a recuperar o comercio local, mellorando o que primeiro se ve nos negocios: o seu escaparate. Esta produción foi, amais, adquirida para o mercado francés por Endemol, unha das maiores produtoras europeas.

En próximas datas chegará tamén á canle pública madrileña ‘Desmontando Madrid’, adaptación rexional do programa da TVG ‘Segredos-Desmontando Galicia’. Premiada cos galardóns á mellor realización e mellor programa nos últimos Mestre Mateo, este formato emprega as tecnoloxías visuais máis innovadoras para manter o espectador pendente das historias que se desenvolven en cada capítulo, en que se visita unha cidade ou espazo galego aportando a espectacularidade das imaxes 3D.

A CRTVG segue a exportar os seus formatos de éxito e a crear novos contidos que cada vez se poden ver en máis partes do mundo.

Na foto superior, deseñadores da versión aragonesa do ‘Escapárate’ da Galega.

Fuente Crtvg.es