Emocionante fin de semana na G2, coa Copa do Rei de hóckey a patíns, a final da Liga LEB entre o Granada e o Breogán e os playoff de ascenso a Segunda RFEF

0
19

Santiago, 11.06.2021.-    A maiores do prato forte desta fin de semana, a Copa América, que se ofrecerá a través da primeira canle, os medios públicos galegos ofrecerán estes días unha intensa e emocionante oferta deportiva, que comezará o sábado na G2 con hóckey a patíns, coa primeira semifinal da Copa do Rei, que disputarán o sábado, a partir das 17.00 h, o Deportivo Liceo e o CH Caldes, os primeiros equipos en obter o pase á seguinte rolda da competición que se está a disputar na Coruña. Nos cuartos de final, o Caldes superou pola mínima o CE Lleida despois dunha remonta espectacular e o Palacio de Deportes de Riazor vibrou coa vitoria do Liceo, o anfitrión, sobre o Voltregá na prórroga.

A continuación, ás 19.00 h, comezará a gran final polo ascenso á Liga ACB, o momento máis agardado da temporada na LEB Ouro, que buscará o seu campión e o equipo que ascenderá á máxima categoría do baloncesto español nunha serie de tres encontros entre o Covirán Granada e o Leche Río Breogán, que conseguiron impoñerse nas súas respectivas pistas, nos terceiros e definitivos asaltos das súas semifinais, ao Leyma Coruña e ao HLA Alacante, respectivamente.

A Terceira División de fútbol será protagonista a partir das 21.00 h, cando se disputa o encontro Arousa S. C.-C. D. Estradense, correspondente ás semifinais do playoff de ascenso a Segunda RFEF. Ambos equipos víronse as caras en dúas ocasións esta temporada e nas dúas a vitoria caeu do lado dos de Rafa Sáez. O Estradense soña agora con que a historia sexa diferente nesta ocasión, e para isto confía de novo no apoio da afección.

O domingo, a atención da G2 e da web da CRTVG estará posta no Mundial de Motocrós 2021, que comeza en Orlyonok (Rusia). O galego Jorge Prado será a gran baza española na busca do título en MXGP. As citas en directo serán ás 12.00 e ás 15.00 h. Despois da longa e incerta temporada de 2020, en que o Mundial se celebrou sen público nas pistas e con importantes incidencias provocadas pola pandemia, a temporada 2021 arranca con todos os puntais do motocrós mundial en plenas condicións e dispostos a baterse sobre o terreo por unha ansiada e cotizada coroa.

Entremedias das dúas carreiras de motocrós, ofrecerase en directo, a partir das 13.15 h, a gran final da Copa do Rei de hóckey a patíns, que disputará o vencedor do partido entre o Liceo e o Caldes contra o gañador da outra semifinal.

Pola tarde, ás 17.00 h, os espectadores poderán seguir o Polvorín F. C.-U. D. Somozas, a outra semifinal polo ascenso a Segunda RFEF, unha retransmisión coa que conclúe a oferta deportiva da G2 e da web da CRTVG para esta fin de semana.

Fuente Crtvg.es