Este venres comeza a nova temporada do ‘Galicia en goles’ na Radio Galega

0
6

Santiago, 11.09.2020.- A primeira edición deste espazo deportivo chega hoxe venres,  ás 20:30 horas, da man de Paco Santos, coa última hora do deporte galego ata a medianoite. O sábado, o programa comezará con Xoán Galán e todo o equipo de especialistas ás 15:00 horas, mentres o domingo, ademais das 20:00 h, hai que engadir a edición matinal, que dirixe Rodrigo Pérez de 12:00 h a 14:00 h.

En total, ‘Galicia en goles’ emitirá na fin de semana un mínimo de 21 horas e media de programación. A oferta de contidos non se limita a este espazo, xa que haberá catro opcións máis desde o equipo de Deportes. Os sábados ás 13:00 horas, Alfonso Pardo continuará proxectando a importancia social do deporte en ‘Convivir deportivo’; ás 23:00 h, Rodrigo Pérez achegará a información do motor en ‘Gas a fondo’ e, ás 23:30 h, Toni López continuará conversando cos atletas galegos que traballan para competir nos Xogos Olímpicos o próximo verán, no programa ‘Galicia en Toquio’. Por último, os domingos ás 23:00 horas, despois do ‘Galicia en goles’, a audiencia poderá deitarse coa mesa de debate máis polémica en ‘Ao Contraataque’, con Pedro Pablo Alonso.

As emisións deportivas da Radio Galega chegan a través da FM, TDT, radiogalega.gal, Radioplayer España, altofalantes Alexa e, ademais, o treito do ‘Galicia en goles’ dominical correspondente ao Faladoiro, entre as 20:30 horas e as 23:00 h, pode verse por streaming a través da páxina web e a aplicación móbil no Mira RG.

Fuente Crtvg.es