‘Eu quero pan’ afonda hoxe nun dos grandes emblemas gastronómicos de Galicia

0
13

Santiago, 07.07.2021.-   A TVG propón para esta noite ‘Eu quero pan’, un programa especial dedicado a unha icona imprescindible na nosa vida diaria, que propón unha intensa e divertida viaxe cargada de música, alegría, e, claro está, o mellor pan.  As reporteiras do programa, Adela Bértolo, Laura Vaqueiro, María Rial e Belén Vara, serán as encargadas de facer este percorrido tan sabedeiro.
    
Para comezar, estarán na Festa do Pan de Cea, na provincia de Ourense. Para exaltar o seu produto máis famoso, este ano organizaron unha ruta de fornos cunha chea de música e pan a fartar. A continuación, viaxarán ata o concello de Carral, onde coñecerán os segredos dun pan delicioso. Pero tamén probarán as empanadas que fan neste lugar, que saben moito mellor acompañadas por un grupo de gaitas e pandeiretas.

No Porriño tamén hai un pan de categoría, así que o programa deste mércores á noite visitará O Forno de Mosende, unha panadería de referencia en toda España. E, sen saír da provincia de Pontevedra, as reporteiras pasarán un día de troula cos organizadores da Festa do Pan do Salnés, en Ribadumia.
        
O percorrido de ‘Eu quero pan’ continuará en Friol, na parroquia de Ousá. Alí elaboran un pan riquísimo que sabe a gloria cando se acompaña dun queixo deste concello ou dunha tapa do mellor polbo do país. O pan do concello coruñés de Neda tamén terá o seu oco neste espazo. Deste xeito, os espectadores aprenderán a elaborar un delicioso ‘bolo cachado’, ideal para preparar unha tosta de queixo e zorza. E, preto de Neda, en Vilarmaior, coñecerán a Xosé Luís, un mestre panadeiro con moitas historias que contar.
    
O pan de millo, outro dos nosos sinais de identidade, e os templos do pan espallados por Galicia adiante, completan os contidos dun programa que non deixará indiferente a ninguén. E, para que non falte de nada, ‘Eu quero pan’ ofrecerá as actuacións das mellores agrupacións musicais de Galicia.

Fuente Crtvg.es