FORTA e APIA asinan un convenio de colaboración para unha maior difusión dos temas ambientais

0
0

Santiago, 25.05.2020.-    A Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA) e a Asociación de Periodistas de Información Ambiental (APIA) asinaron un protocolo de colaboración para impulsar unha maior difusión dos temas ambientais a través das canles autonómicas agrupadas en FORTA. Entre elas figura a CRTVG, que toca estes temas en moitos dos seus programas, tanto na televisión coma na radio.

A formación é un dos eixes básicos en que APIA leva traballando desde a súa creación, en 1994, e esta acción permitiralles aos membros de FORTA contar cunha formación específica en temas ambientais. Tamén se abre a posibilidade de contar cunha bolsa remunerada, dirixida a estudantes do último ano de Xornalismo, para realizar prácticas en medios de FORTA co obxectivo de tratar os temas vinculados coa natureza, no sentido máis amplo da palabra.

Para a presidenta de APIA, María García de la Fuente, a importancia desta sinatura radica en que “os medios que conforman a FORTA, se por algo se distinguen, é por tratar a información con proximidade ao cidadán e sempre pegada ao territorio”, algo que para García de la Fuente “é fundamental na información ambiental”.

Pola súa parte, o presidente de FORTA, Juande Mellado, puxo de relevo que “esta colaboración supón un reforzo cualitativo á aposta dos servizos audiovisuais públicos autonómicos por informar dunha maneira rigorosa e exhaustiva dos temas que afectan ao coidado do noso planeta”, un acordo que supón un apoio, engade Mellado, “para que os cidadáns teñan acceso a contidos de utilidade, cun enfoque preciso e divulgativo sobre os diversos aspectos ambientais”.

Fuente Crtvg.es